A nova Estratexia RIS3 de Galicia buscará romper o teito de cristal da innovación para as pemes e os sectores tradicionais

Segundo subliñou Conde, a nova folla de ruta terá como obxectivo chegar a todo o tecido empresarial, rompendo o teito de cristal para as pemes e en sectores tradicionais que buscan achegarse á I+D+i. O responsable de Economía, Empresa e Innovación apuntou que tecido economico e sistema de I+D+i deben traballar perfectamente conectados facendo efectiva a transferencia de coñecemento, sistematizando o actual grao de colaboración, que xa é alto, entre pemes, empresas e axentes do sistema de I+D+i.
Na súa intervención, o vicepresidente económico subliñou que é unha estratexia feita por e para as persoas, co talento e o coñecemento como chaves que abrirán as portas dos novos retos da sociedade. Conde apuntou que nesta etapa marcada pola pandemia, cómpre apostar de cheo pola I+D+i, e facelo non só a nivel sanitario, senón tamén buscando o seu impacto no medio ambiente, na industria e na economía en xeral para propiciar a transición cara a un modelo de crecemento máis sostible, intelixente, competitivo e centrado nas persoas.
O vicepresidente económico fixo fincapé en que o carácter transversal da nova RIS3 está asegurado despois dun proceso participativo con achegas de máis de 250 representantes e expertos do ecosistema de I+D+i, que colaboraron para identificar onde deben estar as prioridades da nova folla de ruta, entre as que Conde destacou a sostibilidade, a dixitalización, e nunha investigación e innovación orientadas a abordar os retos da sociedade galega.
Por outro lado, o responsable de Economía, Empresa e Innovación sinalou que a nova RIS3 terá como cometido o fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i, buscando a transferencia do coñecemento ao mercado, captando e retendo máis talento, e posicionando a Galicia como un referente a nivel estatal e europeo. Así, a nova RIS3 está concebida como unha estratexia transversal e multicompetencial para fortalecer e completar as cadeas de valor dos sectores estratéxicos galegos e impulsar a súa circularidade.
Na súa intervención, Conde salientou o importante esforzo feito por Galicia a través da Estratexia de Especialización Intelixente 2014-2020. Nese período, o investimento en I+D na Comunidade medrou un 34,4%, máis de 10 puntos por riba da media nacional (23%), conseguindo o nivel máis alto (641,7 millóns de euros). Ademais, a innovación galega medrou case o dobre do ritmo da media española desde 2014.
R.