Skip to main content

Arranca en Santiago a V edición do festival de poesía 'Alguén que respira!'

O festival de poesía Alguén que respira!, arranca este venres 18 a súa quinta edición co apoio da Xunta e recuperando o modelo de catro xornadas consecutivas dos seus inicios. Baixo o lema Corpos, disidencias, desexo, reunirá no Teatro Principal de Santiago a destacadas personalidades da poesía contemporánea. Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, acompañados do escritor Antón Lopo, encargado da dirección do festival.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade mostrouse satisfeito de “irmos recuperando eses espazos e eses tempos que non foron posibles na pandemia e ter outra vez Alguén que respira! en catro xornadas seguidas que converten a capital de Galicia en capital da poesía galega, da poesía en galego”.

O Festival será unha oportunidade única para ver sobre un mesmo escenario a persoas tan destacadas na creación poética como Elisabet Duval, Teresa Moure, Luís Antonio de Villena, Ana Romaní , Carlos Callón, Luís Muñoz, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes, Daniel Asorey, Andrea Nunes ou Blanca Haddad, ademais de músicos cunha ampla traxectoria como Rodrigo Cuevas ou Projecto Mourente.

Cafés con conversa

De forma paralela aos recitais, Alguén que respira! bota de novo man dos cafés con conversa, que se desenvolverán polas mañás no ambigú do Teatro Principal a modo de foros de reflexión. Neles participarán Alberto Mira, Paulo Filgueiras, Brigitte Vasallo e Elisabeth Duval, que serán presentados por distintos profesionais da comunicación galega como Carme Vidal ou Sara Guerrero.

Finalmente, o festival poñerá o broche o luns 21, Día Mundial da Poesía, coa lectura do manifesto 2022, escrito desta volta por Antón Reixa, e dous recitais de distinta concepción que se estenderán ata o final do día.

As entradas, de carácter gratuíto ata esgotar a capacidade, sairán o día 18 e poderán reservarse no despacho de billetes da Zona C, no propio Teatro Principal, unha hora antes dos recitais e na web compostelacultura.gal. Pola súa banda, o programa completo do festival poderá consultarse no Portal da Lingua Galega.
R.