Skip to main content

A Xunta e as principais entidades do eido da infancia traballan para garantir a identificación e protección dos menores procedentes de Ucraína

A Xunta de Galicia e as principais entidades dedicadas á protección da infancia traballan para garantir a identificación e protección dos menores que cheguen de Ucraína fuxindo da guerra na que está inmerso o seu país. O director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, celebrou esta mañá un primeiro encontro con representantes de Unicef, Cruz Vermella e a Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG) en San Caetano.

Así, esta xuntanza serviu para sentar as bases dunha acción conxunta cuxo obxectivo é garantir a identificación de todas as nenas, nenos e adolescentes que cheguen á nosa Comunidade, e coordinar actuacións dirixidas tanto á regularización da súa situación administrativa -para facilitar a súa estancia en Galicia-, como a evitar posibles casos de desprotección.

Neste sentido, a Xunta de Galicia e as diferentes entidades coinciden en que a prioridade é que os menores permanezan sempre no seu núcleo familiar e non separalos das súas familias, na liña do que recomendan todos os organismos internacionais. En todo caso, a día de hoxe a Xunta de Galicia non ten constancia de ningún caso de nenos, nenas ou adolescentes procedentes de Ucraína que se atopen en situación de desamparo na nosa comunidade.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sinalou a importancia de que todas as accións individuais destinadas a ofrecer axuda aos menores que cheguen de Ucraína se fagan dun xeito coordinado e planificado. Para este fin o Goberno galego seguirá a traballar en coordinación coas entidades especializadas neste eido para difundir un conxunto de directrices que sirvan de guía de actuación para todas aquelas persoas que queiran achegar recursos para o acollemento destas nenas, nenos e adolescentes.
R.