Skip to main content

Galicia defende medidas específicas para o sector pesqueiro ante a alza do prezo dos carburantes

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor hoxe o potencial e o peso da cadea mar-industria na economía de Galicia e defendeu a necesidade de que se adopten medidas específicas para os sectores máis afectados polo encarecemento dos carburantes, entre eles a pesca. Así o sinalou durante a visita ás novas instalacións do Grupo Eurored, dedicado á fabricación de artes de pesca e servizos integrais para a acuicultura e o sector náutico.

Esta foi unha das demandas de Galicia expostas na Conferencia de Presidentes celebrada a pasada fin de semana e na que a comunidade galega tamén solicitou baixar os impostos que gravan os carburantes, a electricidade e o gas dentro dos parámetros que permite a Unión Europea para aliviar a situación da industria, da frota e da cidadanía. Este contexto, engadiu Rosa Quintana, reflicte que os plans da Organización Mundial de Comercio e de Bruxelas para eliminar o gasóleo bonificado poñen en risco o futuro do sector.

Nesta liña, a titular de Mar sinalou que Galicia seguirá defendendo ao sector pesqueiro que foi declarado esencial durante a alerta sanitaria pola covid-19 e que seguiu faenando en todo momento malia as dificultades derivadas da pandemia. Unha actividade, subliñou, que é fundamental para a economía galega grazas ao aporte de entidades como o Grupo Eurored, que constitúe o primeiro Centro Integral de Produción e Tecnoloxía Pesqueira máis moderno de España e a nivel europeo e que coa súa actividade busca fomentar a sustentabilidade na industria.

Durante a visita a conselleira estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e ambas puideron comprobar a actividade do centro de produción no que se elaboran aparellos de pesca e elementos de fondeo para instalacións de cultivos mariños. Estes útiles son deseñados a medida polo equipo técnico mediante a aplicación das últimas innovacións en tecnoloxía pesqueira e acuícola.

Neste eido, a conselleira do Mar puxo en valor a aposta deste grupo pola innovación pois conta cun departamento propio de I+D+i co que busca dar resposta ás necesidades tecnolóxicas do ámbito marítimo-pesqueiro. Ademais destacou a ampla traxectoria do Grupo Eurored, que conta con máis de 45 anos de experiencia no sector, opera en varios caladoiros do mundo a través da elaboración de distintas artes de pesca e tamén desenvolve e diseña instalacións acuícolas a nivel internacional.
R.