Skip to main content

Xunta, Goberno central, concellos, entidades sociais e ONGD avanzan na coordinación da axuda a Ucraína

O Goberno galego pediu ao Goberno central información fluída e en tempo real sobre os refuxiados que chegan a Galicia para poder prestarlle os servizos que Xunta, concellos e ONGD están en disposición de ofrecer aos ucraínos que chegan á comunidade. En concreto, Alfonso Rueda solicitou datos sobre o número de refuxiados que chegan cada día a Galicia, os que residen aquí a día de hoxe, a súa identidade e o lugar onde se aloxan. “Son preguntas imprescindibles para comezar a acoller e que debe responder o Goberno central dentro das súas competencias en migracións, control de fronteiras e seguridade”, recordou Alfonso Rueda.

O vicepresidente primeiro ofreceu ao delegado do Goberno en Galicia “a man tendida” para paliar na medida do posible a crise humanitaria xerada do conflito bélico, se ben insistiu en que para axilizar e canalizar esa axuda é imprescindible que o Goberno central teña en conta as peticións e necesidades das Administracións e entidades humanitarias que traballan cos refuxiados. Con ese obxectivo acudiron a encontro os responsables dos principais departamentos autonómicos involucrados no dispositivo de axuda. “Nós estamos preparados -asegurou Rueda-, pero é necesaria esa planificación en esa xestión ordenada”.

No encontro deuse conta do plan de acollida aos alumnos ucraínos no que está a traballar a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen xa remitiu unha resolución aos centros para o procedemento de escolarización inmediata dos nenos en idade escolar. Na actualidade xa hai máis dunha trintena escolarizados.

Pola súa parte, a Consellería de Sanidade ten elaborado xa un protocolo de atención aos refuxiados para poder prestarlles a atención que precisan. O procedemento inclúe unha entrevista para coñecer o seu estado de saúde e poder determinar a atención que precisan, incluíndo a vacinación tanto de covid como doutras enfermidades de infeccións transmisibles. O Sergas xa puxera 432 camas hospitalarias a disposición dos refuxiados, tanto para adultos como para a poboación pediátrica con enfermidades oncolóxicas.

O Goberno galego insiste na necesidade de habilitar recursos económicos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais, de tal maneira que se repartan de forma solidaria os esforzos para ofrecer unha correcta atención sanitaria e educativa aos desprazados, así como promover a súa inclusión social e facilitarlles o acceso ao emprego.

A Xunta considera necesario e urxente garantir o dereito á educación dos refuxiados e o acceso ao sistema de saúde, así como a posibilidade de que accedan a un posto de traballo, para o que considera necesario que as persoas desprazadas poidan homologar a súas titulacións. Tamén considera imprescindible que se adopten medidas que lles permitan acceder á cobertura sanitaria e farmacéutica.

No encontro, os representantes do Goberno galego incidiron tamén na necesidade de facer os cambios normativos necesarios para que estas persoas poidan acceder, en caso de necesitalo, ao ingreso mínimo vital e asegurarse así os medios para unha subsistencia digna mentres non poidan optar a un posto de traballo.

Alfonso Rueda agradeceu a asistencia a todos os asistentes e dixo que a reunión era o “punto de partida” dunha colaboración que pretende ser constante e fluída.
R.