Skip to main content

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico abre a vindeira semana o calendario de festivais audiovisuais



A 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) impulsada polo Museo do Pobo Galego abre a vindeira semana en Santiago o calendario deste ano de festivais audiovisuais que veñen recibindo o apoio da Xunta a través da liña específica de subvencións para estes eventos profesionais. A programación estenderase do 28 de marzo ao 2 de abril con 14 filmes a concurso, outras tantas proxeccións fóra do certame e diversas actividades paralelas para todos os públicos. Así se anunciou no acto de presentación desenvolvido hoxe coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, xunto á directora da MICE, Ana Estévez; a vicepresidenta do Padroado, Concha Losada, e representantes doutras administracións colaboradoras.

Tal e como sinalou Sutil, a aposta do Goberno galego no impulso a estes certames consolídase e mesmo medra cada ano, cun orzamento que en 2022 ascende a 210.000 euros. “Conscientes do papel esencial que xogan dentro do sistema audiovisual galego e da necesidade de apoio público para a súa celebración, o noso compromiso non pode máis que ratificarse e mesmo incrementarse”, salientou.

Ademais, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse aos aspectos que lle outorgan valor engadido a esta mostra no conxunto dos festivais, como a diversidade de formatos e estilos ou a especialización no ámbito do cinema documental da etnografía. Con respecto á edición presentada hoxe, destacou a súa faceta internacional cunha ollada ao leste de Europa, o programa de curtas para escolares ou a posta en valor de profesionais do audiovisual galego.

Filmes galegos e internacionais a concurso

A 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico inclúe na sección internacional a concurso 14 títulos de distintas nacionalidades, dos que tres son galegos e os restantes de países como India, Brasil, Alemaña, Xeorxia, Perú ou Ucraína. Na listaxe internacional de filmes cómpre salientar unha estrea absoluta, cinco en España e dúas en Galicia. Canto á representación galega, concursan as películas Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro; O último de Arganeo, de David Vázquez Vázquez, e Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo. Estas últimas serán presentadas polos directores.

A maiores e fóra de concurso, hai tres seccións nas que se exhibirán outros 14 títulos arredor de diversas temáticas. Así, Lindes afonda nos procesos creativos e de documentación dos traballos galegos A virxe roxa e Nación, coa exhibición das fitas e encontros cos responsables da súa dirección, Marcos Nine e Margarita Ledo Andión, respectivamente. A eles súmase Cadernas de Olloboi, do equipo do festival de cine escolar Olloboi, que protagonizará a sesión inaugural. As outras seccións son Trazas, con distintas reflexións no cinema internacional sobre o eido laboral, e Impropias, unha ollada a cineastas do leste de Europa.

Haberá tamén o programa escolar MICE Petís e outro familiar, ademais de accións formativas que inclúen un obradoiro, debates, un seminario e unha conversa aberta ao público con profesionais do audiovisual. Outra das propostas é a exposición fotográfica Coreografías do facer. O traballo feminino nos fondos Henningsen, inaugurada hoxe no Museo do Pobo Galego. A información de toda a programación e como participar nas distintas actividades pode consultarse na web do evento.
R.