Skip to main content

Galicia urxe ao Goberno central a adoptar medidas inmediatas de apoio ao sector pesqueiro ante a actual crise económica

Esa medida engádese a outras como a axilización do abono das axudas concedidas ao sector, de forma análoga ao que se fixo durante a pandemia pola covid-19.

Rosa Quintana incidiu en que a Xunta e o sector tamén constataron a necesidade de que o Goberno central adopte medidas urxentes como apoios conducentes á rebaixa dos prezos dos combustibles ou actuacións con resultados semellantes -como fixeron outros países europeos-, a concesión de axudas de mínimis ás empresas ou a flexibilidade interanual nas cotas, para que a frota aproveite o ano que vén as posibilidades de captura que non consuma este ano.

A conselleira aseverou que non se pode esperar ata o día 29 para adoptar medidas, pois pode ser tarde para moitas empresas, e subliñou que o establecemento dun marco temporal excepcional nos fondos europeos non é a solución para o curto prazo pois a súa tramitación adoita ser lenta.

Mellora da eficiencia

A representante do Executivo galego lembrou ademais que a Xunta leva traballando desde 2009 na mellora da eficiencia enerxética do sector marítimo-pesqueiro a través de distintas liñas de apoio específicas ao abeiro dos fondos europeos.

Neste sentido, especificou que o orzamento total destinado ás convocatorias de axudas deste ano para o sector transformador de produtos do mar e a produción de cultivos mariños é de 30 millóns de euros. No caso das axudas específicas para buques destinadas a cambios de motores e eficiencia enerxética, a cantidade destinada na convocatoria de 2022 é de preto de 2 millóns de euros. Ademais a titular de Mar subliñou que nestas liñas de apoio sempre foron aprobadas todas as solicitudes de axuda que cumpriron os requisitos.
R.