Skip to main content

Comezan os tratamentos con novas terapias para pacientes con covid

O conselleiro, destacou que, en Galicia, o 95% da poboación maior de 70 anos xa conta coa dose de reforzo, o 96,8 dos que teñen entre 60 e 69, o 95,3% dos de 50 a 59 anos, o 88,2% dos de 40 a 49, o 75% de 30 a 39 e o 65,2% de 18 a 29. Nos rapaces, o 87% entre 5 e 11 teñen polo menos unha dose e o 65% a pauta completa.

No obstante o anterior, o conselleiro remarcou dúas circunstancias, nos pacientes con doses de reforzo que presentan infección activa e que pode ter complicacións; e os que, por algún motivo, non se lles recomendou a vacina contra a covid ou a resposta que tivo á mesma foi insuficiente.

Nesta semana enviarase a todos os facultativos os protocolos de actuación destes dous medicamentos, sinalou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego.

Paxlovid

Respecto do Paxlovid, está indicado en pacientes con infección por SARS-Cov-2 que presenten enfermidade leve ou moderada, nos primeiros cinco días de síntomas, que teñen un risco alto de progresar a covid-19 grave, nas seguintes actuacións: persoa non vacinada maior de 80 anos; persoa non vacinada maior de 65 anos e polo menos un factor de risco; e persoa inmunocomprometida, independentemente da situación de vacinación.

Na súa intervención na rolda de prensa explicando o protocolo da utilización do Paxlovid, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, dixo que será indicado polo facultativo de primaria ou especializada que efectúe o diagnóstico, a través de receita electrónica. Ademais, requerirá informe médico para a súa validación de forma previa á súa entrega informada no domicilio do paciente. Trátase de comprimidos vía oral con doses de mañá e noite. Así mesmo, Jorge Aboal dixo que o Servizo Galego de Saúde realizará un seguimento trimestral da súa efectividade que será enviado ao Ministerio. A previsión de entrega é de 3.000 unidades no primeiro trimestre, 5.400 no segundo, 6.000 no terceiro e 6.240 no último.

Evusheld

Tal e como indicou o conselleiro na rolda de prensa, hai pacientes que poden quedar cunha resposta insuficiente tras a dose de recordo, polo que quedarían sen estar tan protexidos fronte á enfermidade grave.

Existe ademais un grupo minoritario de persoas con alerxia grave a algún dos compoñentes das vacinas fronte á covid ou que trala administración dunha dose previa presentaron unha reacción anafiláctica, e nos que se contraindica a vacinación.

Estas persoas poden presentar, nalgunhas ocasións tamén, un alto risco de enfermidade grave tras a infección por SARS-CoV-2 e tampouco se poderían vacinar.

Nestes momentos, e baixo as posibilidades terapéuticas actuais, é posible outra alternativa, a inmunización pasiva mediante a administración de fármacos con indicación de uso para a profilaxe preexposición que poden proporcionar protección fronte unha posible infección polo virus nestes pacientes.

Recentemente, -proseguiu o conselleiro-, autorizáronse fármacos que inclúen anticorpos monoclonais de longa actividade en pacientes inmunodeprimidos, e que poden proporcionar inmunidade pasiva. Un destes fármacos é Evusheld, combinación de dous anticorpos monoclonais.

Os candidatos a Evusheld son os adultos de 18 ou máis anos de idade con condicións de risco que cursan con inmunosupresión nos que se demostra resposta inadecuada á vacinación, e aqueles nos que se contraindica a vacinación e teñen moi alto risco de enfermidade grave por SARS-CoV-2.

Para detallar o protocolo deste fármaco, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou que este medicamento é similar a unha vacina, é dicir adminístrase antes de manifestar o paciente os síntomas. Segundo Carmen Durán, esta semana chegarán 1.772 doses do mesmo, que se recibirán no servizo de farmacia do Hospital Universitario da Coruña. Este medicamento adminístrase vía intramuscular con dúas inxeccións.
R.