Skip to main content

O cine galego enche a sala Babylon de Berlín na estrea do Ciclo Mestre Mateo

O secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu á estrea do ciclo Mestre Mateo que se iniciou coa proxección do documental “O Gran Camiño” no cine Babylon de Berlín, grazas a colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e a asociación cultural galega De Berlín Son.

Máis dun centenar de persoas asistiron a esta estrea que tamén se realizou, de xeito simultáneo, noutros sete centros galegos do exterior: o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol de Bos Aires, o Centro Gallego de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, o Instituto Cañada Blanch-Centro Galego de Londres, o Centro Gallego de Madrid, o Lar Gallego de Sevilla e o Centro Gallego de Tarragona.

Este ciclo conta cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto. Visualizaranse así, dende marzo a decembro, os oito filmes finalistas nas categorías, tanto de mellor longametraxe como de mellor documental, nos premios Mestre Mateo

O secretario xeral da Emigración destacou a importancia da posta en marcha de iniciativas como esta que permiten “difundir y promocionar a cultura e a lingua galega nos países de acollida da man da colectividade exterior e dar a coñecer o labor do sector audiovisual galego, que se atopa nun momento de gran crecemento e creatividade”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou tamén o acto para agradecer tanto a colaboración dos distintos centros galegos, en especial, neste caso a De Berlín Son, pola súa labor para promocionar este ciclo, como a propia Academia Galega do Audivisual por apostar por dar a coñecer o seu labor fora das nosas fronteiras. “É de destacar o importante traballo realizado por estes oito centros galegos do exterior que, como aquí, en Alemaña, están a potenciar a nosa cultura entre o propio colectivo pero tamén entre os propios berlineses. Sen o seu apoio o éxito de hoxe non podería ser unha realidade”, rematou o secretario xeral animando a todos a repetir experiencia o próximo mes de abril cunha nova proxección audiovisual.
R.