Skip to main content

Galicia prepara as achegas á Lei que prepara o Goberno de España para o sector do transporte co obxectivo de que se teñan en conta as características diferenciais da comunidade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron esta mañá un primeiro encontro con representantes do sector do transporte e do Clúster da función loxística de Galicia, onde están representados os distintos actores da cadea loxística, encontro no que se adoptou esta primeira decisión.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade apuntou á atomización do sector do transporte en Galicia, unha realidade que define a súa estrutura e funcionamento. Explicou que o 80% das empresas de transporte terrestre de mercadorías non teñen máis de 2 empregados, ademais de presentar realidades moi variadas: desde empresas de autónomos que traballan con contratos de longa duración a empresas de autónomos que traballan fundamentalmente en transporte puntual.

A Xunta, os transportistas, distribuidores e cargadores tamén acordaron impulsar unha mesa xeral de diálogo para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística en Galicia.

A partir desta mesa xeral, avanzarase logo no traballo a través da constitución de diferentes mesas onde se abordarán os distintos asuntos que se consideren prioritarios.

Os actores implicados danse o prazo dun ano para a elaboración do Libro de boas prácticas do transporte, que aglutinará as principais conclusións e reflexións extraídas das mesas que traballo que se constitúan, orientado a favorecer un mellor funcionamento de toda a cadea loxística galega.

Tamén se proporán iniciativas lexislativas e non lexislativas para ser trasladadas ao Goberno de España, como administración con competencia na materia.

Vázquez Mourelle destacou o papel mediador da Xunta, atendendo á demanda que os transportistas trasladaron ao Goberno galego nos encontros mantidos nas últimas semanas para mellorar a súa situación actual.

Lembrou a complicada situación vivida nas últimas semanas polo paro do sector do transporte de mercadorías por estrada, un sector, dixo, que se ten demostrado que é esencial e imprescindible.

Nestes días, explicou, ademais de representantes do sector do transporte que pediron a constitución destas mesas de diálogo permanente, tamén moitos actores da cadea loxística de Galicia se puxeron en contacto coa Xunta solicitando mediación para tratar de impulsar corredores seguros para permitir o transporte de produtos esenciais, como material sanitario ou alimento para as granxas de animais, entre outros.

Ethel Váquez incidiu en que, pese os avances dos últimos días, os problemas de fondo o sector do transporte de mercadorías non están solucionados, e por iso trasladou a vontade e o traballo da Xunta para mediar e servir de enlace entre os distintos elos da cadea loxística de Galicia, e para dar traslado ao Goberno central, competente na materia, das decisións e acordos que se vaian adoptando.
R.