Skip to main content

Galicia ve insuficientes as medidas de apoio do Goberno central ao complexo mar-industria e lamenta a tardanza na súa aprobación

A representante da Xunta lembrou que a frota pesqueira ve comprometida a súa rendibilidade desde hai unhas semanas polo encarecemento do combustible e pola folga do transporte de mercadorías e que, mentres países como Francia ou Polonia adoptaron medidas de maior impacto de xeito instantáneo, o Goberno central tardou máis de dúas semanas en aprobar rebaixas nos carburantes que en moitos casos son insuficientes para que a frota poida desenvolver unha actividade rendible.

Neste sentido, a titular de Mar defendeu a necesidade de adoptar medidas máis ambiciosas para abaratar os combustibles e beneficiar aos sectores máis dependentes deles, como é o caso do marítimo-pesqueiro. Ademais, botou en falta decisións adicionais como a posible concesión de axudas de mínimis ás empresas do sector ou a negociación coa Comisión Europea para acadar a flexibilidade interanual nas cotas de pesca, de xeito que a frota poida aproveitar o ano que vén as posibilidades de captura que non consuma neste exercicio por non ser rendible a actividade.

Rosa Quintana tamén incidiu na importancia de actuar desde o punto de vista fiscal, como demandou Galicia desde o primeiro momento, aplicando rebaixas de impostos na medida do posible para facilitar que as empresas poidan contar con liquidez. De feito, neste obxectivo enmárcase a decisión da Xunta -adoptada de xeito inmediato ante as dificultades do sector- de bonificar o pago de polo menos dous meses das taxas nos portos autonómicos.

Na mesma liña, a representante do Executivo galego explicou que hai que agardar a ver como se materializan as axudas habilitadas ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) e lamentou que no plan do Goberno central non teñan unha maior presenza nin apoios específicos os sectores transformador e comercializador de produtos do mar.

Rosa Quintana recordou que o complexo mar-industria foi declarado esencial durante a alerta sanitaria polo coronavirus e que traballou sen descanso para subministrar alimentos de calidade á cidadanía, polo que botou en falta unha maior sensibilidade e mellor resposta por parte do Executivo do Estado, acorde co compromiso demostrado polos milleiros de homes e mulleres que viven do mar en Galicia e en España.
R.