Skip to main content

A implantación de tres novas vacinas sitúa a Galicia como a Comunidade co calendario de vacinación infantil máis completo de España

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que, tal e como anunciou a pasada semana no debate de investidura, a implantación de tres novas vacinas, que serán totalmente gratuítas, sitúa a Galicia como a comunidade co calendario de vacinación infantil máis completo de España.

Durante unha visita ao Grupo de Investigación GenVIP do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Rueda precisou que a vacina fronte a meninxite B administrarase a todos os nenos e nenas aos dous meses de idade, a finais de ano; e a vacina fronte ao virus do papiloma humano estenderase no vindeiro curso escolar a todos os varóns de 12 anos, co fin de acelerar os beneficios globais na loita contra a transmisión deste virus e na mesma dirección que o plan da Organización Mundial da Saúde para eliminar os cancros producidos polo VPH.

Por outra banda, e baixo a previsión de que se poida dispensar xa na campaña deste ano, o titular do Goberno galego resaltou que Galicia incluirá a vacina antigripal tetravalente para nenos e nenas de entre 6 meses e 5 anos.

Acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, Alfonso Rueda aproveitou a visita ao IDIS para poñer en valor o traballo de todos os seus investigadores, que fai que este instituto sexa un dos grupos de investigación máis recoñecidos a nivel internacional no eido das enfermidades infecciosas e das vacinas infantís. “Aquí non só se fala de sanidade senón tamén de futuro”, abundou, facendo fincapé no papel fundamental da investigación.

Así mesmo, gabou a responsabilidade da poboación galega, como se puxo de manifesto na pandemia, coa dispensación de máis de 6 millóns de doses contra a covid nun tempo récord. Ademais, Galicia ten vacinada ao 65,7% da poboación pediátrica, cando a media española está no 43%.
R.