Skip to main content

A Cidade da Cultura acolle 10 orixinais olladas contemporáneas sobre o camiño na última parada da mostra 'Percorrer o tempo’

A mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación “la Caixa”, recala desde hoxe na Cidade da Cultura como última parada do seu percorrido pola xeografía galega. A exposición reúne dez traballos de fotografía e vídeo de artistas actuais, tanto galegos como de fóra do país, que presentan unha nova ollada audaz e orixinal sobre a Ruta Xacobea.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe esta mostra, que poderá visitarse de balde ata o 20 de xullo no Gaiás e está incluída dentro da programación cultural para o Xacobeo 21-22. Seis grandes contedores de barco transformados en salas de proxección albergan as propostas artísticas que dan forma a “un itinerario de múltiples caras no que ten cabida a paisaxe e o territorio, a historia, a vertente espiritual pero tamén as emocións da experiencia do Camiño”, manifestou.

Desde Galicia achegan as súas interpretacións Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, que se conxugan coas de notables fotógrafos internacionais aproveitando as conexións das rutas de peregrinación a Santiago de Compostela. Así, o traballo de Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum, representa o Camiño Inglés; André Cepeda, o Camiño Portugués; Michel Le Belhomme, o Camiño Francés; mentres os españois Miguel Ángel Tornero e Cristina de Middel —Premio Nacional de Fotografía en 2017— mostran nos seus traballos a Vía da Prata e a Ruta da La, respectivamente.

Cada unha das olladas singulares que compoñen Percorrer o tempo pon de manifesto “a vixencia da Ruta Xacobea como elemento conformador de cultura e fonte inesgotable de inspiración para a arte contemporánea”, subliñou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Entre as propostas hai curtametraxes e traballos fotográficos que exploran o Camiño como redención, as novas formas de fe e expresión relixiosa na España actual, a confrontación directa coa paisaxe e a natureza nunha peregrinación en soidade ou o encontro entre a subxectividade do habitante de Santiago e a do peregrino que chega á súa meta.

Anxo M. Lorenzo estivo acompañado no acto de apertura da mostra pola xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; a responsable territorial de Fundación “la Caixa”, Susan Santos e o comisario da exposición, Nicolás Combarro.

Obradoiro de fotografía

Como actividades complementarias á exposición que se inaugurou esta mañá no Gaiás, a Xunta organiza para esta fin de semana un obradoiro de fotografía e unha conferencia impartidas pola presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, e a fotógrafa galega Carla Andrade. Ambas terán lugar no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

No obradoiro, que decorrerá esta tarde e na mañá do sábado 21, as artistas achegarán a súa metodoloxía de traballo e intercambiarán impresións coas persoas participantes que queiran compartir o seu propio material. Esta actividade está dirixida a persoas interesadas na práctica da fotografía contemporánea e require de inscrición previa. A asistencia á conferencia —hoxe ás 20.00 horas— é libre ata completar a capacidade da sala, previa confirmación no teléfono 881 867 401.
R.