Skip to main content

A Axencia Galega da Innovación, o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia e as tres universidades galegas poñerán en marcha o Polo de Tecnoloxías Cuánticas

En concreto, Galicia colaborará con Madrid, Cataluña, País Vasco, Castela e León e o CSIC, para “deseñar xuntos unha rede de comunicación de alta seguridade e novos sistemas e protocolos de comunicación que nun futuro crearán a internet cuántica”, salientou Rueda.

Así, segundo explicou o presidente da Xunta, entre as actuacións previstas destaca “a creación dun enlace de comunicacións cuánticas por fibra óptica entre a Universidade de Vigo e o Cesga”, en Santiago de Compostela, o que permitirá establecer comunicacións plenamente seguras entre ambas as dúas institucións. Tamén servirá para demostrar as posibilidades da tecnoloxía ás empresas e como banco de probas.

Por outra parte, desenvolverase unha estación óptica en Vigo para realizar comunicacións cuánticas vía satélite. Ademais, en colaboración co Polo Aeroespacial de Galicia, desenvolveranse sistemas para enlaces de comunicacións cuánticas con vehículos aéreos non tripulados.

Galicia traballa para desenvolver un Polo de Tecnoloxías Cuánticas que ten como obxectivo situar Galicia nun referente neste campo no 2030 coas premisas de impulsar a tecnoloxía europea -para garantir a soberanía tecnolóxica de Europa- e o negocio internacional que favorecerá a súa sustentabilidade económica a medio prazo. Preténdese mellorar o coñecemento, o avance da tecnoloxía e a consolidación económica apoiándose no mundo académico, nos centros de I+D+i e no tecido empresarial .

Enmarcado na nova Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia, aspira a contar con 154M € de investimento público-privado, para o que será necesario contar con fondos europeos NextGeneration, tendo en conta que se trata dun dos proxectos prioritarios para Galicia que foi trasladado ao Goberno central.

Actualmente, entre outras iniciativas, o Polo de Tecnoloxías Cuánticas ten comprometidos 30 millóns de euros. Aos convenios anunciados hoxe, súmanse 15 millóns de euros do acordo da Xunta de Galicia co Cesga para o despregamento dunha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas da información que impulse a investigación e experimentación en Galicia; os programas Quantum (500.000 euros), talentQ de formación (1,5M €) e NESAQ (280.000 euros); así como os investimentos no supercomputador Finisterrae III, apoiado polo Goberno galego e o CSIC.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación aposta polas tecnoloxías cuánticas como elemento tecnolóxico disruptivo que permitirá posicionar o ecosistema galego de I+D na vangarda e acelerar o desenvolvemento económico e a recuperación. As tecnoloxías cuánticas teñen innumerables aplicacións en sectores vitais para Galicia como a medicina, o ambiente, a biotecnoloxía, a aeronáutica, a automoción, a loxística ou as telecomunicacións, entre outras. Agárdase que o seu impacto sexa maior que o logrado pola computación clásica no último século.
R.