Skip to main content

Rueda reúnese con Ana Pontón e con Valentín González Formoso buscando unha posición única de Galicia ante o Goberno central

Deste xeito, e en materia sanitaria, o titular do Executivo galego recordou que a principal dificultade que atravesa Galicia, ao igual que o resto das comunidades de España, é a falta de médicos. Ao respecto, referiuse á necesidade de defender cunha única voz aqueles asuntos que si se traducirían nun alivio duradeiro do sistema sanitario público: abrir 64 novas prazas de formación de médicos de familia, que permitan a remuda xeracional e cubrir as prazas que quedan vacantes; cambiar o mecanismo de asignación de prazas MIR; e crear a especialidade de medicina de urxencias e emerxencias.

Converter os fondos Next Generation nunha oportunidade

Durante os encontros, Rueda abordou tamén a situación económica que está a vivir Galicia, recordando a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation. Rueda avanzou que os partidos da oposición compartiron a necesidade de que a xestión dos Perte se descentralice

Sobre este punto, trasladou novamente a preocupación pola falta de concreción no reparto dos fondos que podería afectar a proxectos importantes impulsados pola Comunidade como: a factoría de fibras téxtiles sostibles, a planta de biogás para a xestión de xurros e o proxecto de automoción AutoÁncora.

Un impulso decidido ás infraestruturas que dependen do Estado e aínda pendentes

Rueda insistiu tamén na necesidade de acudir á reunión con Pedro Sánchez cun posicionamento conxunto en materia de infraestruturas “vitais que levan moito tempo paralizadas”, como: o remate da autovía Santiago-Lugo, os tramos pendentes na autovía Lugo-Ourense, a circunvalación de Pontevedra, a autovía da Mariña e a autovía Vigo-O Porriño. Ademais da necesidade de reclamar un impulso decidido á saída Sur de Vigo, como primeira fase da conexión de alta velocidade con Portugal, incluíndo a conexión da terminal portuaria de Bouzas.

O presidente da Xunta recordou ademais que Galicia sigue esperando a chegada dos trens Avril para o mes de xullo para levar, por fin, a alta velocidade ferroviaria a Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo.

Traspaso das competencias sobre o litoral e a AP-9

Ante a persistente negativa do Executivo de traspasar as competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre, Alfonso Rueda propuxo ao BNG e ao PSdeG consensuar un plan de actuación, sexa a través dun Real Decreto ou dunha Lei orgánica, pois a falta de sensibilidade cara ás características propias do tecido do litoral galego, que pode poñer en risco o modo de vida de moitas familias. E, finalmente, referiuse á necesidade de axilizar a comprometida transferencia da AP-9.
R.