Skip to main content

A demarcación de Galicia-Costa afronta o verán en situación de prealerta por seca

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe de que a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa afronta o verán en situación de prealerta por seca prolongada e ofreceu axuda aos concellos para incentivar o aforro de auga e eliminar as fugas das redes.

Vázquez Mourelle, xunto co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, informou hoxe en rolda de prensa sobre a situación hidrolóxica actual nesta conca de responsabilidade directa da Xunta.

Avanzou que a Oficina Técnica da Seca, encabezada por Augas de Galicia e integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, celebrará mañá unha nova reunión na que se manterá esta prealerta debido aos indicadores actuais.

Detallou que, nin as chuvias rexistradas en maio, nin as dos últimos días, tiveron efecto nos caudais circulantes, é dicir, non foron suficientes para mudar a situación de prealerta por seca prolongada que leva padecendo Galicia-Costa desde o mes de febreiro.

Precisou que a evolución hidrolóxica e meteorolóxica do último mes reflicte datos que obrigan a manter esta situación de prealerta, xa que despois dun abril seco, maio resultou tamén moi seco, cunha porcentaxe de precipitacións dun 61% por debaixo do normal.

Apuntou que o caudal medio dos ríos en maio foi inferior ao dos últimos dez anos, estando un 46% por debaixo dos valores habituais para esta época; e os datos dispoñibles a nivel de augas subterráneas indican un lixeiro empeoramento respecto ao mes de abril.

En canto á ocupación dos encoros, explicou que todos están estables, coas reservas de auga embalsada para abastecemento ao 93,73% da capacidade, sensiblemente inferior ao do ano pasado, cando chegaba ao 98,37%.

Galicia, pioneira en instrumentos normativos

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a Xunta, co fin de estar mellor preparada para este tipo de episodios, vén facendo un singular esforzo normativo nos últimos anos para mellorar o uso, a xestión e a calidade da auga.

A este respecto, a conselleira citou a Lei de medidas de garantía de abastecemento en episodios de seca e en situacións de risco sanitario, en vigor desde xaneiro de 2020, sendo Galicia a primeira comunidade que elevou ao máximo rango normativo a protección do dereito da auga e á vangarda na adaptación ao cambio climático.

Referiuse, tamén, á recente aprobación en Consello da Xunta do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027, que establece actuacións e medidas normativas para fomentar unha xestión máis sustentable da auga, adaptada ao cambio climático. Un plan, dixo, que co fin de ordenar a resposta ante eses eventos e garantir o abastecemento de auga aos cidadáns, proporciónalles ás administracións instrumentos xurídicos para facerlles fronte.

Ethel Vázquez detallou que este plan establece unha xestión diferenciada para as situacións de seca prolongada, como a actual, derivadas da diminución das chuvias; e a de escaseza conxuntural, relacionada coas dificultades para atender a demanda de auga e na que tamén se establecen distintos escenarios: de normalidade, de prealerta, de alerta e de emerxencia.

Nesta liña, a titular de Infraestruturas remarcou a importancia da implicación de todas as administracións e do conxunto dos cidadáns, polo que este proceso de planificación fronte ás secas debe completarse cos plans de emerxencia de carácter municipal, ao ser os concellos as administracións que xestionan os sistemas de abastecemento.

Lembrou que, grazas ás axudas da Xunta dos últimos 3 anos, un total de 104 concellos dispoñen dun destes plans municipais de emerxencia fronte a seca, 46 deles da demarcación de Galicia-Costa. Ademais dos citados, tamén constan con plans fronte a seca o Concello de Santiago e o Consorcio do Louro, estando redactado tamén o do Concello de Carballo.

Ethel Vázquez fixo un chamamento aos demais municipios para que se doten destes plans e se anticipen ante os eventuais escenarios de seca, especialmente a aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes, nos que é obrigatorio ter plan de emerxencia fronte á seca.

Uso responsable da auga

Ethel Vázquez tamén puxo o acento en que a escaseza de precipitacións que vive Galicia desde outubro fai precisa a implicación dos concellos para aforrar auga, controlando o seu uso.

Puxo como exemplo a Boborás, que xa publicou un bando para a concienciación cidadá, fomentando o uso responsable da auga entre a poboación.

A este respecto, fixo un chamamento para que tanto os municipios como os cidadáns a nivel particular procedan a activar medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar esa auga para outros usos para evitar problemas maiores na época na que nos adentramos, cando menos chove e mais demanda hai de auga.

Evitar fugas nas redes

Tamén destacou as consecuencias negativas das perdas nas redes de abastecemento municipais. Neste sentido, a Lei de garantía de abastecemento establecía 2 anos para que os concellos levasen a cabo unha auditoría para cuantificar as perdas de auga.

Lembrou que o escenario de cambio climático obriga a mellorar o coñecemento dos sistemas de abastecemento, para o que é prioritario que os concellos, como responsables da súa xestión, realicen auditorías para diagnosticar e atallar as fugas.

Incidiu en que o Goberno galego vén apoiando aos municipios nestas tarefas, con axudas para a instalación de caudalímetros para identificar a perda de auga en rede.

Ethel Vázquez adiantou, ademais, que a Xunta convocará axudas para que os municipios poidan realizar auditorías nas súas redes e instou a que tamén as deputacións provinciais ou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ofrezan este tipo de incentivos para “poder chegar máis lonxe”

A conselleira cualificou esta liña de traballo como fundamental, pois só un 17% dos concellos contestaron sobre as perdas de auga nas súas redes, só 53 concellos e só 1 das 7 grandes cidades, Ferrol.

A información trasladada amosa unha media do 41% de perdas de auga nas redes de abastecemento municipal, chegando incluso a superar o 60% nos concellos cunha poboación inferior a 2.000 habitantes. Esta situación, detallou, supón malgastar auga, malgastar enerxía e, polo tanto, malgastar recursos públicos.

Ante o escaso coñecemento das redes de abastecemento municipal, xa que máis de 280 concellos non presentaron a porcentaxe que teñen de perdas de auga, Ethel Vázquez chamou a que todas as administracións con competencias traballen conxuntamente para mudar esta situación e tamén a prol de medidas de aforro e do uso responsable da auga: a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que xestiona esta conca de responsabilidade estatal, pero tamén a FEGAMP, que debe coordinar aos concellos no impulso das medidas de prevención.
R.