Skip to main content

Galicia, sede do festival da New European Bauhaus

Galicia sitúase hoxe e mañá como epicentro do Festival New European Bauhaus, un evento que se celebra en paralelo en varias cidades europeas, e que busca transformar a Unión Europea impulsando un estilo de vida integral e sostible, que sitúe ás persoas no centro e poña á súa disposición recursos multisectoriais (arquitectónicos, paisaxísticos, económicos, culturais, tecnolóxicos) para unha vida mellor, cos profesionais da saúde como prescriptores deste cambio.

O Servizo Galego de Saúde, como socio oficial da New European Bauhaus, impulsa este evento na Cidade da Cultura de Galicia, na que hoxe se celebrou un forum, e mañá acollerá diferentes workshops sobre novas tendencias. A xornada de hoxe, contou coas intervencións do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Ángeles Vázquez; o xerente do Sergas, José Flores; e a xerente de Galaria, Rocío Mosquera, que se encargaron de achegar as claves do proxecto europeo, impulsado desde decembro de 2020. Así mesmo, tamén estiveron presentes, dun xeito telemático, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde; o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e o titular de Medio Rural, José González.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou a importancia de que Galicia sexa a sede oficial do Festival da New European Bauhaus, remarcando ademais o compromiso do Executivo galego coa sostibilidade, a economía circular e outras medidas que contribúan a reducir o impacto do cambio climático.

Neste senso, salientou que “o Servizo Galego de Saúde leva inmerso máis dunha década nun proceso de transformación que procura un sistema sanitario máis sostible e resiliente”. Así, incidiu en que “a Xunta está a orientar as súas accións cara a unha Galicia máis sostible, máis inclusiva e máis fermosa”.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na rehabilitación de vivendas, a rexeneración e a renovación urbanas de Galicia como os eixos nos que se centra a participación da Consellería na New European Bauhaus. “Estamos convencidos de que é unha fórmula para solucionar de xeito eficiente, sustentable e de futuro as necesidades de vivenda da poboación, conservar o patrimonio construído e minorar os impactos no medio”, abundou.

Máis polo miúdo, puxo en valor iniciativas como o Programa Rexurbe, grazas ao que se adquiriron 85 inmobles cun investimento total estimado de 31,5 millóns de euros e que permitirá poñer a disposición da cidadanía 148 vivendas nos cascos históricos de 10 concellos. Tamén fixo fincapé na aposta do Goberno galego pola eficiencia enerxética, que, coa axuda dos fondos europeos, permitirá mellorar as condicións enerxéticas de 11.500 fogares, o que suporá unha redución potencial de ata 65.000 toneladas de CO2 este ano.

Ademais, defendeu a aposta que fai Galicia pola paisaxe poñendo como exemplo o proxecto nos Baños de San Xusto (Cerdedo-Cotabade), que, ademais, será presentado no Festival New Bauhaus de Bruxelas. O obxectivo, aseverou Ángeles Vázquez, é “seguir mantendo e conservando a nosa Galicia verde e seguir sendo un referente a nivel europeo”.

New European Bauhaus

O Festival New European Bauhaus botou a andar hoxe cun Forum integrado por dúas mesas de diálogo. A primeira delas, Reconectar coa natureza e promover a economía circular, reflexionou sobre a necesidade de pensar en verde e promover os ciclos de vida a longo prazo e integralos no ecosistema industrial, ademais da importancia da natureza nas nosas vidas. O vicerreitor da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo; encargouse de moderar unha mesa na que participaron como relatores a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; a directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, o xerente do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, Ricardo González; e a arquitecta Cristina Ansede.

A segunda mesa, Tendendo pontes cara unha cohesión social real, analizou o sentido de pertenza e a necesidade de priorizar ás persoas e lugares máis vulnerables, e contou coa moderación de Nuria De Castro-Acuña, xefa do servizo central de Prevención e Riscos Laborais do Servizo Galego de Saúde. Xunto con ela, participaron Mario López Guerrero, da fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, as arquitectas Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande, o coordinador da Fundación RIA, Manuel Rodríguez López; e Carolina González, directora de Sostenibilidade en Fundatec. Así mesmo, presentouse un proxecto multidisciplinar en accións inclusivas do Servizo Galego de Saúde, a cargo de María Tajes, xefa do servizo de Saúde Mental do Sergas.

Workshops sobre música, deseño, moda e natureza

A xornada de mañá venres completarase con varios workshops sobre deseño e moda sustentable, coa participación de novos deseñadores que apostan pola economía circular; un obradoiro de inclusión e integración a través da música, que se completa cun concerto no Hospital de Conxo con profesionais de terapia ocupacional e pacientes con trastorno mental severo; e un obradoiro de terapia forestal (shinrin-yoku), que ofrece un proceso inmersivo coa natureza e unha oportunidade para que os profesionais sanitarios poidan coñecer de primeira man os seus beneficios.

A New European Bauhaus Galicia, núcleo esencial en Europa

Galicia ocupa un lugar relevante na New European Bauhaus a través dun consorcio con diferentes entidades públicas e privadas (Clúster da Saúde e da Madeira, Colexio Oficial de Arquitectos, as tres universidades galegas, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, a Axencia de Coñecemento en Saúde –ACIS- a Axencia Galega de Innovación GAIN, GALARIA, AGADER e XERA, entre outras) e que, lideradas polo Sergas, impulsan o proxecto Camiños cara a Sustentabilidade, co obxectivo de convertelo nun dos cinco proxectos piloto da UE.
R.