Skip to main content

A exposición Sen Cancelas percorrerá os centros educativos para dar a coñecer sen prexuízos nin estereotipos a historia do movemento LGTBI en Galicia

Lorenzana destacou, en primeiro lugar, a importancia da colaboración entre a Xunta e o Consello da Cultura Galega para poñer en marcha iniciativas encamiñadas a dar a coñecer entre a mocidade a loita de Galicia contra as diferentes discriminacións que seguen a existir na sociedade. “Loitar contra as desigualdades e garantir os dereitos de todas as persoas é unha obriga de calquera sociedade democrática e tamén un imperativo legal”, apuntou a conselleira, quen lembrou que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei para garantir a igualdade de trato do colectivo LGTBI.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade, ademais, puxo en valor o “traballo continuado” que desenvolve o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e sinalou que para afianzar e facer perdurar os dereitos das persoas, sobre todo daqueles colectivos que foron historicamente máis vulnerables e discriminados, son necesarias leis, pero tamén “conciencias libres e informadas”. Así, indicou que a mostra Sen Cancelas propón un percorrido pola diversidade para deixar claro entre os máis novos que a identidade sexual e de xénero non poder ser nunca un obstáculo ou freo para alcanzar as súas metas. A mostra é “unha mirada sen cancelas” na que descubrir que a diversidade sexual e de xénero son exemplo de enorme riqueza e a través da que se poderá ter unha visión mundial dos fitos lexislativos para afianzar a liberdade.
R.