Skip to main content

Galicia contará cun Hub de hidróxeno verde previsto na Axenda Enerxética 2030

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a nova Axenda Enerxética de Galicia prevé a creación dun Hub de hidróxeno verde que vai permitir obter preto de 100.000 toneladas ao ano desta fonte de enerxía para o seu uso na industria, a mobilidade, o almacenamento ou a coxeración.

Durante a súa intervención na xornada Falando de Hidróxeno en Feminino, organizada pola Asociación Galega do Hidróxeno, Conde destacou que máis do 74% da enerxía eléctrica producida en Galicia actualmente é con fontes renovables, polo que xa cumpre o obxectivo marcado a nivel estatal para 2030.

O vicepresidente económico subliñou que as enerxías renovables son necesarias para facilitar a caída do prezo eléctrico, e que para o tecido empresarial e industrial a sustentabilidade é sinónimo de competitividade. Nesta liña, indicou que o obxectivo vai estar en impulsar a participación do sector industrial na cadea de valor da economía do hidróxeno e en potenciar a I+D+i enerxética en Galicia.

A maior oportunidade para o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable vai estar, segundo dixo, no Perte de Enerxías Renovables para o que Galicia, logo da manifestación de interese convocada hai un ano, conta cunha candidatura de 51 proxectos que suman un investimento público-privado de máis de 3.800 M€.

O vicepresidente primeiro concluíu reivindicando que o talento feminino vai ter un papel protagonista na transición enerxética e poñendo en valor a importancia de que as mulleres se incorporen a postos de dirección en empresas do sector.
R.