Skip to main content

Galicia pecha xullo coa cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica

Galicia, ademais creou emprego con respecto a xuño. As afiliacións creceron na comunidade galega (+0,92%), mentres que caeron no Estado (-0,04%). En termos absolutos, é a terceira comunidade con maior incremento das cotizacións. A contratación, pola súa banda, aumentou en xeral nun +7,94%, mentres que no Estado descendeu (-6,41%).

Na evolución anual, o paro baixou nun 7,95%, o que supón 12.084 persoas menos en situación de desemprego. Descendeu nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores económicos, liderando a baixada a industria cun -15,96%. Lado sinalou que é o cuarto mes consecutivo no que a industria lidera a caída do paro con respecto a 2021. Por colectivos, o desemprego diminúe nos que son considerados prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta, especialmente entre os parados de longa duración (-19,88%) e tamén entre os menores de 30 anos (-10,14%), entre as mulleres (-7,84%) e maiores de 44 anos (-4,96%). Entre as mulleres menores de 30 anos, ademais, o paro cae máis do dobre que entre os homes.

As cotizacións aumentan tamén na evolución anual, nun +2,12%. Galicia continúa a superar a barreira do millón de persoas afiliadas á Seguridade Social con 1.058.193, acadando un nivel superior ao reflectido hai 13 anos.

Xempre

A directora xeral destacou que é prioritario para a Xunta continuar impulsando e xerando en Galicia máis emprego de calidade, “apoiando o emprendemento e revolucionando a formación para o emprego”. Neste senso, referiuse á nova estratexia de Emprego da Xunta, Xempre, baseada en dous elementos principais, traballar coas capacidades das persoas e a través da colaboración público privada. Baixo esta Estratexia e estes dous elementos, Lado explicou que o Goberno galego busca revolucionar o emprego en Galicia a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego e a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

No marco da Axenda de Capacidades, explicou que se crearon nove mesas de traballo que avaliaron, da man do tecido empresarial, as cualificacións que precisan as empresas galegas para formar ás persoas sen emprego e ocupadas nesas capacidades, adaptando a formación para o emprego e optimizándoa; e, doutro lado, indicou que a Administración autonómica está a levar a cabo unha renovación íntegra do Servizo de Emprego de Galicia coa implantación, entre outras actuacións, dunha nova ferramenta informática que permitirá empregar a intelixencia artificial para casar oferta e demanda; e a incorporación de 136 orientadores á rede de emprego para seguir asesorando á cidadanía en materia laboral.

A Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, vinculado ao territorio, ofrecerá, pola súa banda, un maior e mellor contacto á cidadanía coa rede autonómica de emprendemento e a oferta laboral de Galicia para facilitar aos galegos e ás galegas o acceso a todos os instrumentos que están dispoñibles en materia de emprego e emprendemento. Para impulsar o emprendemento, a directora xeral ademais, puxo en valor as axudas directas ás persoas autónomas, que xa suman este ano máis de 40 millóns de euros.

Para rematar a súa intervención, apuntou que os colectivos con máis dificultades para atopar un emprego tamén son prioritarios para o Goberno galego para os que conta cos Plans Emprega dirixidos á mellora da formación e a contratación das mulleres, da mocidade e das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social. Son preto de 130 millóns de euros para apoiar a máis de 16.500 mulleres; máis de 2.100 mozas e mozos; e preto de 6.400 persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.
R.