Skip to main content

A Xunta anuncia axudas de ata 10.600 € para as persoas autónomas que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade ou cambiar o sector do seu negocio

“É sabido que a pandemia da covid tivo un impacto moi significativo para moitos autónomos. Tanto que algúns tiveron que reoritentar a súa actividade, ou no peor nos casos, cesar definitivamente”, lembrou o titular do Executivo galego, quen por iso defendeu como “obriga das Administracións” que un colectivo tan importante para o tecido produtivo teña unha segunda oportunidade e poidan volver a intentalo.

O programa, que se publicará nas próximas semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG), inclúe dous tipos de financiamento: o bono Alta nova oportunidade para apoiar a posta en marcha do novo negocio cunha axuda de 9.000 euros; e o bono Formación e/ou Mentoring, dotado de 1.600 euros, para apoiar accións de formación de 40 horas como mínimo en xestión xerencial, comercial ou financeira, marketing dixital ou calquera outra que teña relación directa co negocio que se vai emprender; e/ou para acompañar os emprendedoras cunha persoa mentora. Os dous bonos son compatibles entre si, polo que a axuda deste renovado programa pode chegar aos 10.600 euros por persoa.

A crise provocada pola covid-19 obrigou ás persoas autónomas a pecharen os seus negocios ou a reorientalos, e a Xunta de Galicia quere facilitar o seu retorno ao emprendemento ou ao cambio de actividade.

Requisitos

Para os autónomos que volven emprender tras o peche da súa actividade exíxese, entre outros requisitos, estaren dados de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022; teren cotizado anteriormente a esta nova alta ininterrompidamente polo menos durante 3 meses durante a súa vida laboral no RETA ou calquera outro réxime especial por conta propia; estaren inscritos como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia; ou teren o domicilio fiscal nalgún concello galego e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia. Tamén se solicita que trasncorrese un período mínimo de dous meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

Para as persoas que desexan cambiar a súa actividade para outro sector emerxente, os principais requisitos son estaren dadas de alta no Réxime Especial De Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional; teren cesado na súa actividade e iniciaren unha nova noutro sector distinto no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022; teren cotizado, anteriormente a esta nova alta, de maneira ininterrompida polo menos durante 6 meses durante a súa vida laboral no RETA, ou en calquera outro réxime especial por conta propia; e teren o domicilio fiscal nalgún concello galego e desenvolveren a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posibles, senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que os negocios creados poidan sobrevivir. Con esta acción búscase, polo tanto, a continuación das persoas emprendedoras no mundo empresarial e así poñer en valor a súa experiencia no emprendemento.
R.