Skip to main content

A Xunta aproba o orzamento máis alto da historia, que ascende a 12.620 millóns de euros

Rueda explicou que o Goberno galego leva traballando nestes orzamentos “desde principios do verán” e que son froito da “experiencia acumulada” ao longo destes anos; teñen en conta “a evolución dos medidores económicos” e fanse “prevendo, na medida do posible”, os retos que Galicia terá aque sumir ao longo do 2023.

Os orzamentos reforzan con máis de 500 M€ cinco liñas de actuación prioritarias que son o apoio e a protección das familias e das persoas, o aforro e a eficiencia enerxética, a dinamización económica, a protección do ambiente, a loita contra a seca e o cambio climático, e o fortalecemento dos servizos públicos.

Galicia, segundo explicou o presidente autonómico, terá en 2023 case 1.000 millóns máis que no presente exercicio (un 8,5 % máis) e practicamente 2.500 millóns máis ca no ano 2020. Ademais, o orzamento do vindeiro ano é superior en 21 millóns ao teito de gasto non financeiro aprobado no verán. A razón é que tal e como establece o punto 2 do artigo 12 da Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, poden incorporarse novos ingresos non previstos nese momento.

Os orzamentos do ano que vén priorizarán as medidas de apoio ás rendas medias e baixas e para iso reforzarán as axudas ás familias, ás empresas e aos sectores máis vulnerables afectados pola alta inflación; fortalecerán un ano máis a sanidade, a educación e as políticas sociais; apostarán polo fomento do aforro e a eficiencia enerxética; protexerán o ambiente con actuacións para facer fronte á seca e ao cambio climático; e dinamizarán a economía nun momento de ralentización.

Rueda apuntou ás novas rebaixas de impostos e ao endebedamento controlado, enmarcados no Plan estratéxico 2022-2030, e con cinco liñas prioritarias de actuación. “Trátase duns orzamentos deseñados para protexer Galicia ante as incertezas que imos ter que afrontar en 2023”, destacou Rueda.

Liñas prioritarias de actuación

Os orzamentos de 2023 inclúen cinco liñas prioritarias de actuación para acompañar as familias e as empresas nesta conxuntura de alza de prezos e con medidas para impulsar a competitividade.

A primeira liña de actuación ten como obxectivo o apoio ás familias e persoas máis vulnerables. Entre outras medidas destacan: a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos; o incremento das contías das prestacións para a Risga, as axudas de inclusión social e as pensións non contributivas; o bono social térmico (22,7 M€ para beneficiar 64.000 familias) ou 4 M€ para o bono social eléctrico, para duplicar as axudas para o pagamento das facturas eléctricas dos consumidores máis vulnerables.

A segunda liña é a de aforro e eficiencia enerxética con actuacións que contribúan a ter vivendas e empresas máis eficientes e fontes de enerxía diversificadas para garantir a mellor subministración con custos razoables. Neste punto inclúense 23,3 M€ para medidas de aforro enerxético para as familias, 56 M€ para medidas de aforro enerxético para as pemes, 35,7 millóns para a rehabilitación de vivendas para mellorar a eficiencia enerxética ou o aumento do bono Enerxía Peme, entre outras.

A terceira liña é a de dinamización económica para promover medidas que axuden os emprendedores, autónomos e empresarios a manter o emprego e incrementar a súa competitividade. Destacan 30 millóns para apoiar 25.000 autónomos con rendas medias e medias/baixas, para o mantemento da súa actividade económica e do emprego; 22,5 M€ para o Plan Completa e Transfire, para a transferencia de coñecemento; 19,8 M€ para o reforzo da competitividade en áreas afectadas polo peche das centrais térmicas, ou a conxelación das peaxes das estradas autonómicas.

A cuarta liña ten unha finalidade ambiental e presta unha especial atención á loita contra a seca e a afrontar o cambio climático. Aquí inclúense 11,5 M€ para actuacións contra a seca, 15,2 M€ para a mellora da eficiencia na prevención, vixilancia e loita contra os lumes, coa ampliación do tempo de traballo para o persoal laboral e os novos equipos especializados; ou 17,7 M€ para a xestión de residuos e a mellora da reciclaxe, entre outras medidas.

Finalmente, a última liña de actuación é o fortalecemento dos servizos públicos para ter cada ano unha mellor sanidade pública, unha mellor educación pública e uns mellores servizos públicos. Aquí destaca a terceira anualidade do Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias con 163,5 M€, 33,4 M€ para o reforzo da atención primaria, 31,4 M€ para o reforzo das políticas de saúde pública, 10 M€ para o Plan de investimentos nas universidades, 24,5 M€ para a atención á educación en diversidade e equidade, 22,3 M€ para o reforzo da teleasistencia e da axuda no fogar ou 9,5 M€ para centros municipais para maiores, entre outras medidas.

Estas cinco liñas de actuación están perfectamente encaixadas na planificación deseñada no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030, de feito, estes, serán os primeiros orzamentos en clave Galicia 2030 nos cales se inclúan as prioridades dos eixos e os obxectivos estratéxicos da folla de ruta trazada pola Xunta para esta década.

O maior gasto social da historia de Galicia

Tras a intervención do presidente, o conselleiro de Facenda e Administracións Públicas debullou os Orzamentos de 2023 salientando que son os de “máis gasto social da historia de Galicia”, que ascende a 9.368 millóns de euros (709 millóns máis ca no vixente exercicio) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego.

En concreto, explicou que se reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego.

No 2023 destinaranse 4.967 millóns á sanidade pública, 2.795 millóns ao ensino público, 1.164 a políticas sociais e 443 millóns para o emprego.

Desta forma, tres de cada catro euros do orzamento para 2023 irán destinados á sanidade, á educación, ás políticas sociais e ao emprego.

Por outra banda, o proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta de Galicia inclúe un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio a Comunidade disporá de 2.772 millóns de euros para investimentos, un 8,5 % máis ca en 2022.

Na súa intervención, Corgos anunciou que Galicia prevé recuperar a “principios do vindeiro ano” a riqueza prepandémica e puxo en valor que este ritmo de crecemento supón que “será antes que a media de España”.

Novas rebaixas de impostos

En materia de política fiscal, para 2023, e tamén de forma retroactiva para este mesmo ano, a Xunta aprobará unha serie de medidas de alivio fiscal e de fomento da competitividade para axudar a mitigar os efectos da alza de prezos.

No imposto da renda defláctanse, con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2022, os tres primeiros tramos do IRPF co que se benefician todos os contribuíntes e, de maneira especial, as rendas medias e baixas. Ademais, rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para as rendas máis modestas, que pasa do 9,4 % ao 9 %. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476 € en relación xo que pagaban en 2009.

Tamén se equiparan para efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas, cunha dedución de 250 euros no IRPF, e duplícase a dedución para as familias de tres fillos, para beneficiar máis de 187.000 familias. A partir de tres fillos, increméntase a dedución en 250 euros adicionais por cada fillo a maiores.

Galicia ten un modelo fiscal propio e previsible con rebaixas tributarias que priorizan cada ano as rendas medias e baixas e que atenden de maneira preferente os mozos e as mozas menores de 36 anos, as familias numerosas, as persoas con discapacidade e outros colectivos desfavorecidos como as vítimas de violencia de xénero.

En resumo, a Xunta aprobou hoxe os orzamentos máis altos da súa historia, que priorizan as familias, as empresas e os sectores máis vulnerables aos altos prezos; que buscan dinamizar a economía, que pretenden fomentar o aforro e a eficiencia enerxética, apostan por medidas ambientais e de loita contra a seca e o cambio climático, e que fortalecen a sanidade, a educación e os servizos públicos.

E todo isto co maior volume de recursos da historia, con máis gasto social ca nunca, cun reforzo do investimento produtivo, coa consolidación de todos os beneficios fiscais e novas medidas para beneficiar sobre todo ás rendas máis modestas e que se enmarcan na planificación da Galicia de 2030. Uns orzamentos que, segundo destacou o presidente da Xunta de Galicia, consolidan a comunidade galega como “a autonomía de referencia en prudencia financieira”.
R.