Skip to main content

Presentado o Festival Kerouac de Vigo, unha das citas de poesía escénica máis lonxevas de España

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do Festival Kerouac, unha das citas de poesía escénica máis lonxevas de España que se celebra anualmente en Vigo co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. A iniciativa conta este ano cun compromiso reforzado por parte do Goberno galego e que celebrará do 20 ao 22 de outubro na Galería Maraca, El Corte Inglés e o Museo MARCO.

Durante a súa intervención, o representante autonómico de Cultura gabou a “destacada traxectoria” deste festival que chega xa a súa décimo segunda edición. “O encontro que comeza mañá é xa un clásico na oferta cultural do outono en Vigo e unha cita fundamental para o mundo da literatura”, expresou. Así mesmo, fixo especial fincapé na súa importancia para a divulgación e o intercambio cultural con diferentes países “contribuíndo á internacionalización da cultura galega”.

A programación arrancará o xoves, ás 19,00 horas, na Galería Maraca, onde se darán cita os Poetryfighters vigueses para dar comezo ao festival. Nesta primeira cita o poeta e rapeiro Malvares, a artista multidisciplinar Lupita Hard e o poeta e tamén director do festival, Marcos de la Fuente, presentarán a antoloxía bilingüe Poetryfighters, un volume que recolle voces de poetas que unen México e Estados e Unidos a través dun movemento poético. Neste evento colaborarán tamén alumnos e profesores da Escola Oficial de Idiomas, que lerán as traducións dos poemas en inglés.

Emma Gomis, Alberto Avendaño, Clara Pino, Iria Medraño e Isolda Comesaña

Na tarde do venres o festival desprazarase ata o sétimo andar de El Corte Inglés para un amplo programa no que se inclúe música, performance e poesía cantada e recitada. Nesta segunda xornada participarán Emma Gomis, poeta, ensaísta e tradutora da Universidade de Cambrigde; o poeta vigués Albergo Avendaño, membro do colectivo Rompente; a arpista céltica Clara Pino, a poeta Iria Medraño, colaboradora habitual no grupo de rap en galego Rebeliom do Inframundo, e a poeta emerxente Isolda Comesaña.

O último día do festival contará como principal protagonista coa poeta neoiorquina Anne Waldman, invitada de honra na edición deste ano que con 77 anos é unha das últimas poetas beats que ofrece aínda recitais en directo. A autora visitará Vigo tras a publicación de máis de 40 libros e discos e ofrecerá un recital o sábado 22 no Museo MARCO acompañada das poetas Emma Gomis, a galega Olga Novo, gañadora do Premio Nacional de Poesía en 2020, e a viguesa Graciela Baquero Ruibal.
R.