Skip to main content

Galicia recorrerá ante o Tribunal Supremo a reforma do Regulamento de Costas que limita dereitos e reduce as competencias autonómicas no litoral

'A Xunta vai solicitar a nulidade desta reforma', indicou Rueda xa que non é posible limitar dereitos xa recoñecidos na lexislación de costas existente a través dunha norma de rango menor a unha lei como é o caso do decreto aprobado polo Executivo.

Rueda resaltou que a Xunta leva tempo advertindo da “deriva” do Goberno central con regulacións “cada vez máis restrictivas” en materia de costas que buscan “erradicar toda actividade humana e económica da franxa do litoral”. Neste sentido, o presidente da Xunta lamentou que non se teña en conta a realidade de cada territorio nin as consecuencias destas limitacións. Só en Galicia, segundo explicou, hai 4.000 edificacións públicas ou privadas no dominio público marítimo-terrestre e “xa se están paralizando algunhas inversións” por mor da regulación que está levando a cabo o Executivo central.

O Consello aprobou esta mañá o acordo polo que autoriza á Asesoría Xurídica Xeral para interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra o real decreto aprobado para tal fin o pasado 1 de agosto. En concreto, a Xunta solicitará a súa nulidade argumentando que cos cambios introducidos no regulamento se limitan, condicionan e mesmo eliminan dereitos previamente declarados pola lexislación en materia de costas ao baleiralos de contido, algo que non se pode facer a través dunha norma de rango inferior.

Así se recolle na Lei 39/2015 do procedemento administrativo, que, tal e como se aduce no recurso da Xunta, prevé que as disposicións que “vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de rango superior” serán “nulas de pleno dereito”.

Neste sentido, o Real decreto polo que se modifica o Regulamento de costas inclúe unha regulación que impón limitacións, establece novos condicionantes e mesmo chega a baleirar de contido dereitos recoñecidos aos titulares de concesións en DPMT, ao limitar a duración destas e os usos que poden amparar, xerando máis inseguridade xurídica.

En concreto, un dos cambios máis importantes é que se elimina a posibilidade de que as concesións de vivendas e de empresas da cadea mar-industria outorgadas con anterioridade a 1988 poidan ter unha prórroga extraordinaria, un dereito regulado pola Lei de costas de 2013.

Así, no caso das vivendas particulares, a reforma do regulamento pecha a porta á permanencia deste tipo de edificacións na franxa costeira porque poderían localizarse fóra dela. Así mesmo, no referido ás empresas en DPMT con concesións outorgadas antes de 1988, desaparece de facto o seu dereito á prórroga, xa que o regulamento limita a permanencia deste tipo de actividades na costa a unha duración máxima de 30 anos, un tempo xa transcorrido.

De feito, incluso os concesionarios que solicitaran prorrogar o seu título antes da aprobación da reforma pero non recibiran resposta expresa do Goberno central verán denegada a súa petición, o que xera unha retroactividade claramente desfavorable e supón que o Goberno vaia un paso máis alá que coa Lei de cambio climático de 2021.

No resto dos casos, a modificación do regulamento vincula a posible prórroga a unha serie de condicións e exixencias fixadas na Lei de costas pero ás que ata o momento a maioría destas concesións non tiñan que someterse. Isto supón un novo obstáculo que fará máis difícil, senón imposible, conseguir prolongar a duración das concesións.

Así mesmo, outro dos cambios afecta a regulación da modificación dos límites do DPMT, introducindo a través do regulamento criterios arbitrarios e sen xustificación técnica algunha para realizar deslindes, podéndose ampliar a extensión desta franxa de titularidade estatal en detrimento da propiedade privada e das competencias autonómicas sobre a ordenación do litoral.

Nova Lolga

A decisión da Xunta de recorrer contra a reforma do Regulamento de costas, que foi avalada xa o verán pasado polo Observatorio Galego do Litoral, pretende poñer freo ao último dos cambios normativos impulsados polo Executivo central desde o ano 2018.

De feito, coa reforma do Regulamento de costas o Estado pecha o círculo na súa estratexia para impoñer unha interpretación cada vez máis restritiva da normativa de costas e propiciar a eliminación progresiva de toda actividade humana e económica da franxa litoral.

Así, cómpre lembrar os cambios introducidos na duración das concesións no litoral a través da Lei de cambio climático estatal, aprobada o ano pasado e que limita estes títulos a un máximo de 75 anos, incluídas tamén as posibles e lexítimas prórrogas. Así mesmo, o xuño pasado o Ministerio someteu a información pública o chamado Plan da costa libre, un documento estratéxico con que aspira a liberar o DPMT a través da retirada paulatina e controlada da presenza humana na costa de aquí ao ano 2045.

Neste sentido, o recurso contra a reforma do regulamento enmárcase na estratexia liderada pola Xunta en defensa dos intereses de Galicia e das súas competencias exclusivas na costa. “Non ten sentido ningún sentido esta normativa. Pódense facer as cousas moito mellor”, sinalou Rueda.

Co fin de buscar o autogoberno pleno e a ordenación da franxa costeira asumindo o papel de xestión que lle corresponde, o Goberno galego anunciou en setembro o impulso da que será a primeira Lei de ordenación do litoral.

O obxectivo é dotarse dunha norma adaptada á realidade galega para tratar de resolver os problemas e a inseguridade xurídica xerados polas últimas decisións do Estado, cunha interpretación restritiva da xestión da franxa litoral e das políticas públicas autonómicas.

Por iso e tendo en conta que a Xunta estima que hai preto de 4.000 edificacións públicas e privadas localizadas no DPMT galego, abriu unha rolda de contactos cos concellos costeiros e os principais axentes e sectores afectados para animalos a implicarse na redacción da futura Lolga, da que precisamente este luns se pechou a fase de consulta pública previa.
R.