Skip to main content

Galicia acolle nas súas aulas máis de 700 nenos ucraínos en 125 centros

Así o salientou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, con motivo da presentación da emblemática obra de Carlos Casares A galiña azul traducida ao ucraíno, nun acto no que estivo acompañado dun grupo de nenos dese país, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares Berg, un auxiliar de conversa do colexio Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago e a directora do colexio Paradai, en Lugo.

Segundo Román Rodríguez, esta guerra supuxo “un novo reto” para o sistema educativo galego que aínda estaba saíndo da crise sanitaria derivada da pandemia, e que desde a Xunta “asumimos coa responsabilidade de ofrecer a máxima axuda posible ás familias e facilitar a integración dos nenos en todas as etapas escolares”.

Precisamente, a tradución ao ucraíno desta obra, que é unha das máis senlleiras da nosa literatura infantil, “é unha ferramenta máis para que podan coñecer a nosa cultura e os nosos valores”, ao tempo que traslada “unha importante mensaxe contra a intolerancia e a inxustiza e a favor da diversidade social”, abondou o conselleiro. A Xunta, en colaboración coa Fundación Carlos Casares, é a impulsora desta edición en idioma ucraíno, da cal se repartirán un total de 2.500 exemplares nas bibliotecas escolares.

Axilización da escolarización

O conselleiro lembro que, desde o primeiro momento, a Administración autonómica puxo en marcha un Plan de Acollida para axilizar a escolarización dos nenos desprazados, que se foi completando posteriormente con medidas específicas de apoio como a elaboración de dicionarios galego-castelán-ucraíno e a participación de auxiliares de conversa para facilitar a comunicación, o reparto de material pedagóxico específico como kits informáticos e maletas viaxeiras cos diferentes materiais didácticos.

A maiores tamén se implementaron accións encamiñadas a atender a súa situación fóra dos centros escolares como servizo de transporte escolar, comedor e actividades extraescolares gratuítas, xornadas de orientación para acomodar a súa situación presencial e en liña e unha pasarela de homologación de títulos.

Román Rodríguez comprometeuse a seguir traballando para facilitar ao máximo a estancia dos nenos de Ucraína en Galicia “e que estas familias sexan unha parte máis do noso sistema”, aseverou.
R.