Skip to main content

Galicia urxe ao Goberno central a presentar canto antes o recurso xudicial contra o veto á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias

En caso de que o Goberno central non presentase ese recurso, o director xeral aclarou que o faría a comunidade -como xa anunciara- aínda que a súa demanda tivese menos posibilidades de prosperar.

O representante da Consellería do Mar lembrou que Galicia xa conta coa argumentación xurídica, técnico-pesqueira e socioeconómica necesaria para armar o recurso. Eses argumentos, explicou, foron trasladados tanto ao Goberno central como ás asociacións de armadores para que poidan conformar os seus recursos e gañalos.

Antonio Basanta salientou que a Xunta iniciou o seu labor de defensa do sector ante este asunto xa en 2020 ante o cariz ambientalista da Estratexia sobre a Biodiversidade da Comisión Europea, que atribuía á pesca a maioría dos problemas que afectan aos mares e océanos. Desde entón Galicia mantivo distintos encontros co sector, realizou informes e xestións ante Bruxelas ao tempo que buscou aliados no resto de comunidades e rexións europeas con intereses pesqueiros. De feito, séguese con eses contactos co obxectivo de facer unha fronte común na defensa da frota galega.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica asegurou que o sector pesqueiro non está en contra de que existan zonas protexidas pero pide que se establezan de forma dialogada, sustentada e xustificada na ciencia e de forma equilibrada e correctamente dimensionadas.

O caso da quenlla

O representante do Executivo galego tamén abordou a proposta de incluír a quenlla no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (Cites), sobre a que expuxo o rexeitamento de Galicia. Neste sentido, advertiu de que esta medida carece de fundamento e pode afectar a case 130 barcos galegos e arredor de 1.300 tripulantes.

Nesta liña, subliñou que a quenlla se atopa en bo estado de conservación, como recoñecen as organizacións rexionais de pesca implicadas na súa xestión así como a propia Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), que non ve necesidade de incluíla no convenio Cites. Ademais, trátase dun peixe que se distingue perfectamente do resto de especies.

Neste sentido, Antonio Basanta lamentou que España primeiro apoiase incluír esta especie no Cites e despois recoñecese problemas para emitir os certificados de comercialización necesarios en caso de que a quenlla se incorporase á lista de recursos ameazados. Ao mesmo tempo lembrou o mal precedente vivido co marraxo pola deficiente xestión do Goberno central froito da descoordinación entre Ministerios.

O director xeral de Pesca tamén analizou a exclusión por parte do Executivo do Estado da industria de transformación dos produtos do mar do Perte Agroalimentario malia ser un sector expoñente e tractor en aspectos defendidos por este instrumento, como a trazabilidade e seguridade alimentaria ou a capacidade exportadora.

O representante da Consellería do Mar incidiu en que esta exclusión se engade á decisión do Goberno central de deixar ao sector fóra das axudas para compensar as perdas derivadas da situación da suba dos custos operativos e das consecuencias da guerra en Ucraína. Por iso, pediu ao Executivo estatal que rectifique e abra estes apoios ao que é un elo fundamental da cadea produtiva do mar e da economía de Galicia.

Neste sentido, o responsable autonómico lembrou que a Xunta apoia de xeito constante ao sector transformador de produtos do mar e así o vai seguir facendo co obxectivo de que as empresas aposten pola innovación e melloren a súa competitividade. Na convocatoria de achegas deste ano aprobáronse 47 proxectos de pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura por importe de máis de 19 millóns de euros, aos que se engaden outros tantos de investimento privado, co que a suma total ascende a arredor de 40 millóns de euros.

Loita contra o furtivismo

Pola súa banda, o subdirector do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, deu conta do resultado dos controis realizados por este departamento no primeiro semestre deste ano. Nesta liña, expuxo que nas máis de 5.500 inspeccións realizadas rexistráronse máis de 1.400 infraccións e requisáronse máis de 12.600 útiles e máis de 11.000 quilos de distintas especies de peixe e marisco. Segundo expuxo o responsable do Servizo de Gardacostas, estas cifras reafirman o bo resultado obtido coa estratexia de adaptar os controis ás zonas, épocas e especies de máis relevancia ao longo do ano.

Ademais destacou que o feito de que houbese un lixeiro incremento nas inspeccións realizadas e de que se detectasen menos infraccións demostra que o sector está a realizar unha xestión responsable dos recursos do mar e concienciado coa necesidade de loitar contra o furtivismo. Ademais a suba dun 35% nas incautacións de útiles e a redución nos comisos nun 46% reflicte a efectividade do labor para evitar a reincidencia dos furtivos mediante a retirada dos aparellos. Con este labor de vixilancia, subliñou Lino Sexto, a Xunta busca que a cidadanía só adquira os produtos procedentes das canles legais de comercialización, que son os que contan con todas as garantías para o consumo, e evitar o dano que provoca a actividade irregular aos profesionais do mar.
R.