Skip to main content

A Xunta porá en marcha unha axuda de 12.000 euros ao ano para as persoas con ELA

Rueda destacou que, deste modo, “Galicia vai ser a primeira comunidade en pór a disposición das persoas con ELA unha axuda directa e inmediata”. O obxectivo é axudar ás familias a facer fronte ao “gran custo económico” que supón este diagnóstico, xa que unha persoa con ELA pasa nuns meses de ser plenamente autónoma a ter unha gran dependencia.

Tal e como explicou o presidente autonómico, co diagnóstico de ELA elévanse os gastos máis básicos como a alimentación, o coidado ou a rehabilitación e tamén xorden outros de grande importancia como a compra de material sanitario, guindastres, cadeiras de rodas, colchóns especiais ou camas articuladas. Así mesmo, é preciso adaptar fogares para realizar, por exemplo, melloras de accesibilidade en baños ou dormitorios, así como para a colocación de elevadores ou ascensores. Ademais, nestes pacientes é necesario adquirir vehículos adaptados.

En Galicia hai máis de 250 persoas con ELA, e cada ano diagnostícanse 30 novos casos. Por iso, o Goberno galego quere achegar un apoio directo e inmediato ás persoas con esta enfermidade, ás súas familias e a entidades como AgaELA, que os representa e cos que a Xunta mantén un espírito de colaboración continuo.

Galicia, á vangarda

Esta non é primeira vez que Galicia se sitúa á vangarda neste ámbito. No 2018 tamén foi pioneira ao crear o Proceso asistencial integrado de Esclerose Lateral Amiotrófica. Ao amparo deste procedemento de actuación buscouse axilizar a atención das persoas con esta enfermidade. Así, establecéronse vías rápidas: a nivel sanitario, para axilizar o diagnóstico; e a nivel social, abrindo unha vía preferente para que as solicitudes de dependencia da ELA se tramiten en menos dun mes.

Ademáis, o presidente da Xunta fixo fincapé no avance realizado nos últimos 13 anos nos servizos e axudas en atención á dependencia. Neste sentido, resaltou que, desde 2009, o número de persoas dependentes atendidos en Galicia multiplicouse por catro ao pasar dos 15.000 de 2009 aos máis de 66.000 dependentes atendidos na actualidade pola Administración.
R.