Skip to main content

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pecha o novo catálogo de actividades do Plan Digitalent

O director deu conta do balance do ano anterior, no que se celebraron ata 37 actuacións dirixidas aos distintos perfís da cidadanía e quixo agradecer ás empresas colaboradoras e ao Clúster TIC a súa labor e compromiso no fomento do talento dixital galego nos últimos anos.

Iniciativas lideradas pola Amtega

Entre as liñas do Plan para o próximo período, avanzáronse as propostas impulsadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como a renovación do programa Tecnólog@ por un día, unha iniciativa liderada pola Amtega que acada xa as seis edicións celebradas dende 2018. O catálogo do curso 2021/2022 acollerá dúas novas edicións desta actividade, coas que se seguirán a impulsar as vocacións STEAM e o interese nas novas profesións dixitais entre os rapaces e rapazas de secundaria e bacharelato.

A primeira quenda deste curso conta con máis de 50 prazas e terá lugar durante os meses de novembro e decembro. O alumnado participante poderá desfrutar dunha xornada inmersiva nos centros de traballo das empresas TIC que colaboran co programa, Altia Consultores, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Satec ou Televés, ou visitar as instalacións da Amtega no GaiásTech.

Doutra banda e como novidade este ano, destaca a próxima posta en marcha do programa Mentoring FP, unha iniciativa conxunta da Axencia e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades impulsada no marco da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 e da Estratexia Galicia Dixital 2030

Trátase dunha actuación que ten por obxectivo facilitar a entrada no mercado laboral dos estudantes de Formación Profesional dan man dos expertos e profesionais das empresas colaboradoras, que titorizarán aos participantes a través dun Plan de Mentoring personalizado, acompañándoos na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil ou asesorándoos na posta en marcha dun proxecto emprendedor.

Mentoring FP acada xa as 30 prazas confirmadas por Altia Consultores, DXC Technology, Inetum, NTT Data e Satec, dirixidas ao alumnado de Grao Superior e Cursos de Especialización de Formación Profesional da familia de coñecemento Informática e Telecomunicacións.

Ademais, a Xunta de Galicia segue a poñer o foco na atracción e retención do talento dixital galego e continúa a traballar en Retorna Dixital, un espazo web que recolle as ofertas de emprego do sector TIC de Galicia, ofrecendo aos galegos e galegas retornados ou que se atopan no exterior oportunidades de desenvolver a súa carreira profesional na nosa comunidade.

Con esta actuación, a Axencia autonómica, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración no marco do programa Galicia Retorna, busca xerar un espazo de encontro en constante actualización entre o sector tecnolóxico galego e os perfís dixitais especializados emigrados para así reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento tecnolóxico en Galicia.

Consulta toda a información e detalles para participar nesta e outras iniciativas do catálogo do Plan no espazo web Digitalent.
R.