Skip to main content

O desemprego en Galicia cae por primeira vez en toda a serie histórica nun outubro na comparativa mensual

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que o número actual de persoas sen emprego -143.720- é o máis baixo nun mes de outubro de toda a serie histórica (1996). Así, sinalou que as cifras reflicten que “seguimos na senda da baixada continuada do paro en Galicia”.

Por colectivos prioritarios, diminúe especialmente entre os menores de 30 anos (-12,59%), os parados de longa duración (-11,70%) e das mulleres (-6,84%). A cifra de parados menores de 30 anos (16.631) e de mulleres (84.208) son as máis baixas de toda a serie histórica (maio 2005) nun outubro.

En canto ás afiliacións, crecen con respecto a outubro de 2021 nun 1,55%, é dicir, Galicia conta con 16.049 persoas máis afiliadas á Seguridade Social. A cifra total -1.048.700- sitúase a un nivel superior ao reflectido hai 13 anos (outubro 2009: 1.032.036).

En palabras de Lorenzana, a Xunta continúa traballando para xerar emprego de calidade e para que a poboación activa continúe crecendo, salientando a importancia de seguir incidindo na formación á carta para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial.

Orzamentos 2023

Ao respecto, puxo en valor diferentes programas que se inclúen nos orzamentos de 2023 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade como son, entre outros, o Plan Retorna Cualifica (4,5 millóns) para a través da formación profesional favorecer a volta e retención do talento de galegas e galegos emigrados; ou os 57 millóns de euros que as contas destinarán o próximo ano ás persoas traballadoras autónomas, un colectivo que poderá optar ás novas axudas directas do programa Impacto Autónomo (30 millóns), deseñado ad hoc para poder facer fronte e minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e enerxéticos.

Lorenzana sinalou, así mesmo, que o vindeiro exercicio ofreceranse microformacións, pequenas cualificacións á carta das necesidades que teñen as empresas “para avanzar no cruce entre a oferta e a demanda”, subliñou. Trátase dunha medida recomendada pola UE que Galicia ofrecerá por primeira vez a nivel nacional.

Todos estes programas inclúense nos orzamentos de Promoción do Emprego e Igualdade para 2023, que crecen cun 13,5% máis de investimento, ata acadar os 432M€, para seguir, en materia laboral, executando a nova estratexia de emprego, Xempre Contigo, coa que se está a centrar no centro das políticas ás persoas e aos sectores e empresas con maiores dificultades.
R.