Skip to main content

A actividade emprendedora retomou en 2021 a súa tendencia crecente en Galicia

Ao longo de 2021 retomouse a tendencia crecente da actividade emprendedora en Galicia, que quedara en suspenso durante a pandemia, e que o ano pasado resistiu a crise sanitaria, evitando o peche de iniciativas emprendedoras e mantendo as xa consolidadas, 'malia que todos os indicadores deben observarse con certa prudencia'. Esta é unha das principais conclusións do informe anual do Global Entrepreneurship Monitor (GEM) relativo ao caso galego e que foi presentado este luns, 7 de novembro, nun acto no que interveu o reitor Antonio López xa que o Informe GEM Galicia, está coordinado dende a USC. María Jesús Lorenzana Somoza, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); e Margarita Ardao, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, tamén participaron no acto.

As profesoras da USC Loreto Fernández Fernández e Isabel Neira Gómez, directora do Grupo GEM Galicia e directora técnica do informe GEM Galicia, respectivamente, foron as encargadas de presentar os principais resultados, entre os que destacan, que o 27% da poboación galega percibe a existencia de oportunidades para emprender e o 51% considera que ten coñecementos e habilidades para facelo. Estas porcentaxes correspondentes ao ano 2021, indican “que se recuperou parte da confianza para emprender (aínda que esta aínda se sitúa por baixo da observada nos ámbitos estatal e internacional) e que se mantén a autoconfianza nas capacidades propias para emprender (con valores similares aos observados nos eidos estatal e internacional)”, matiza o informe.

Ao longo do ano 2021, a actividade emprendedora en fases iniciais (ata 42 meses) foise recuperando ata alcanzar unha taxa do 4,8% da poboación, manténdose próxima aos niveis de anos anteriores á crise sanitaria e incrementándose con respecto a 2020, especialmente no caso das iniciativas nacentes, onde se duplican os valores da edición anterior. “Considerando o contexto internacional, en 2021 a tendencia en Galicia é similar á do resto de países analizados, de modo que, aínda que presenta valores inferiores á media de países da UE-28 e á media de países de altos ingresos en canto a emprendemento potencial e a actividade emprendedora total en fases iniciais (TEA), en 2021 Galicia presenta mellores resultados en canto a empresas consolidadas e a abandono de actividade empresarial”, afirma o informe.

A principal motivación para emprender en Galicia é a procura dunha alternativa para gañarse a vida fronte á escaseza de traballo, razón aducida por máis do 70% das persoas emprendedoras. Con todo, as persoas emprendedoras en fase inicial presentan metas máis ambiciosas en 2021, xa que un 42% afirma que tamén emprenden porque queren marcar unha diferenza no mundo (fronte ao 20% de 2020). Pola súa banda, continuar coa tradición familiar é unha razón de peso entre o 38% dos emprendedores consolidados.

Perfil da persoa emprendedora

O perfil de quen emprende en Galicia en 2021 nas fases iniciais do proceso emprendedor sería o dunha persoa cunha idade entre 45 e 54 anos, unha formación de nivel secundario, onde a FP de grao superior desempeña un papel protagonista, e que considera que os seus coñecementos financeiros e a súa formación específica para emprender alcanzan un nivel medio-alto. As mulleres levan a cabo, novamente, máis iniciativas empresariais que os homes. Aprécianse diferenzas nos perfís das emprendedoras e os emprendedores. “En comparación cos homes, as mulleres emprenden a idades máis temperás, mostran niveis educativos e de renda lixeiramente inferiores, e consideran que a súa formación específica para emprender ou os seus coñecementos financeiros son máis baixos”, matiza o informe.

As iniciativas emprendedoras en fase inicial desenvólvense maioritariamente nos sectores de servizos ao consumidor (45%) e a empresas (29%). O informe tamén salienta que un 11% das persoas que emprenderon en 2021 en Galicia procedían doutro país e un 5% tiña algún grao de discapacidade. O documento pon tamén o foco en que “maior é o compromiso coa sustentabilidade que manifesta quen emprende en Galicia: 2 de cada 3 afirma priorizar o impacto social ou ambiental dos seus negocios por encima da rendibilidade e o crecemento empresariais”.

Análise consolidada no tempo

GEM é un observatorio internacional que analiza o fenómeno emprendedor. A súa actividade comeza no ano 1999 grazas á iniciativa conxunta da London Business School e o Babson College. En 2021, GEM achegou información sobre a actividade emprendedora observada en 51 países participantes. España forma parte do proxecto GEM dende o ano 2000. Actualmente, 19 equipos académicos de universidades españolas, coordinados polo Observatorio de Emprendemento de España (RedGEM), analizan o ecosistema emprendedor da totalidade do territorio español. Este Observatorio foi referente a nivel internacional pola súa capacidade para crear unha rede de equipos que analizan o fenómeno emprendedor ao longo de todo o territorio estatal.

Galicia sumouse á iniciativa en 2005, e dende entón a USC foi responsable da elaboración do estudo, promovido pola Xunta de Galicia. En 2015 a institución compostelá asume a dirección do proxecto e o equipo GEM Galicia incorpora investigadores das Universidades da Coruña e Vigo, de forma que actualmente ten representantes dos seis campus das tres universidades galegas. A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) é tamén parte do equipo GEM Galicia.

Metodoloxía

O Observatorio GEM baséase en dúas fontes de información propias e un conxunto de fontes secundarias de información (artigos científicos, informes sectoriais ou análises internacionais) que permiten profundar na interpretación dos datos obtidos. Os dous instrumentos propios son, por unha banda, a enquisa á poboación de 18-64 anos, denominada APS (Adult Population Survey) e, por outro, a enquisa a persoas expertas en diferentes áreas do ecosistema emprendedor, denominada NES (National Experts Survey). Estas dúas enquisas, baseadas no marco conceptual do proxecto GEM, son sometidas a rigorosos controis de calidade en canto á súa tradución e traballo de campo para asegurar que as respostas obtidas en todos os países participantes sexan comparables.
R.