Skip to main content

A Cidade da Cultura programa na semana do 25-N un obradoiro para ensinar aos adolescentes a detectar comportamentos machistas e promover relacións sas

A primeira das actividades é un obradoiro dirixido a alumnado de Secundaria que terá lugar o 22 de novembro na Biblioteca de Galicia. Trátase dunha actividade que busca que as e os adolescentes reflexionen sobre a maneira que teñen de relacionarse, tomando conciencia sobre comportamentos, actitudes e expresións que en moitos casos agochan violencias ou posturas machistas non sempre fáciles de detectar.

Ao redor de 100 estudantes tomarán a palabra nun debate aberto e activo e deseñarán carteis reivindicativos sobre temáticas como a corresponsabilidade nos traballos da casa e os coidados, a brecha salarial entre mulleres e homes e as violencias e machismos invisibilizados, entre outros. Con estas pancartas elaborarase un mosaico pola igualdade.

O propio 25 de novembro haberá un espazo no Museo Centro Gaiás, concibido como un lugar para dialogar e compartir experiencias, pero tamén para coñecer o impacto das violencias que mulleres e nenas sofren en todo o mundo. Estará aberto de 16,00 a 20,00 horas e contará con diversas actividades de acceso libre e gratuíto que buscan sensibilizar á cidadanía a través de xogos e obradoiros creativos, como unha “ruleta da conciencia” ou a elaboración dun caderno sobre “a muller da nosa vida”.

Festexando a igualdade

A Cidade da Cultura remata a súa programación polo 25N con Festexando a igualdade, un xogo en familia para descubrir as contribucións da loita feminista no desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Equipas formadas por persoas adultas e cativada deberán superar xuntas un conxunto de probas cunha meta común: a igualdade.

Esta singular xincana desenvolverase na tarde do 26 de novembro, de 17,00 a 20,00 horas, e as persoas participantes deberán completar o percorrido marcado no Museo Centro Gaiás superando cada un dos retos e xogos pensados para promover, dunha maneira diferente e divertida, valores como a sororidade e a corresponsabilidade.

Para participar en Festexando a igualdade é necesario reservar praza, de balde, na páxina web da Cidade da Cultura. Cada reserva debe incluír como mínimo 1 persoa adulta + 1 nena/o (a partir de 3 anos de idade), e ata un máximo 5 persoas.
R.