Skip to main content

Galicia contará cun observatorio da innovación do patrimonio cultural

A Xunta de Galicia porá en marcha o Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural. Así o anunciou hoxe o conselleiro e Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no marco da celebración do Día do Patrimonio Mundial que o Goberno galego conmemorou cun acto de sensibilización para escolares na igrexa de San Frutuoso, na que a Administración autonómica colaborou coas obras de mantemento do Consorcio da Cidade de Santiago e financiou a reparación das fachadas norte e sur.
 
Tal e como explicou o representante autonómico, o obxectivo desta nova ferramenta será coñecer as iniciativas de carácter público e privado que se centren en abordar o patrimonio cultural galego desde un enfoque innovador. Así, a través deste observatorio detectaranse as boas prácticas arredor do patrimonio material e inmaterial de Galicia e impulsaranse a valoración e a sustentabilidade das intervencións realizadas e a súa difusión.
 
“Temos a sorte de vivir nunha terra de gran riqueza patrimonial, pero a nosa obriga non é so coidala, senón tamén transmitirlle ás futuras xeracións todo o que aprendemos en cada restauración para que poidan seguir mantendo vivo este gran legado”, salientou Román Rodríguez. “Un bo exemplo disto é a Catedral de Santiago, unha actuación moi complexa que serviu para xerar un gran coñecemento e que hoxe en día e un referente para especialistas de todo o mundo”, afirmou.
 
Este coñecemento, engadiu, permitiu sentar as bases do Plan Catedrais, a folla de ruta para actuar nos inmobles máis senlleiros da Comunidade cun investimento de 38 M€ para garantir que cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións.

Por outro lado, explicou que este novo proxecto da Administración autonómica encádrase na liña de traballo posta en marcha pola Xunta de Galicia nos últimos anos. “A Xunta de Galicia é a administración que máis inviste no coidado dos bens patrimoniais e o imos seguir facendo”, afirmou. Para iso, tal e como explicou, os orzamentos do vindeiro ano contará cun incremento do 14% nas contas destinadas á conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais.
 
Compromiso das novas xeracións

A Xunta de Galicia celebra o Día do Patrimonio Mundial cun acto de sensibilización no que participaron máis de 50 escolares do colexio Pío XII. O obxectivo desta iniciativa celebrada na igrexa de San Frutuoso é que as novas xeracións entendan a importancia de coidar do noso patrimonio e de investigar e estudar os monumentos para entender o noso pasado, comprender o presente e construír o futuro.
 
Neste senso, o conselleiro de Cultura fixo animou a aos escolares a interesarse por todo “o que teñen que dicirnos os monumentos” e a celebralo como se merece. “Quero pedirvos que leades, investiguedes e visitedes o noso patrimonio para entender porque é tan importante e que, sobre todo, o coidedes para que continúe sendo un legado vivo, rico é útil para os vosos fillos e para os fillos que eles terán”, afirmou.
 
Bens na Unesco

Por outra banda, lembrou que Galicia conta con cinco bens declarados Patrimonio Mundial da Unesco en referencia ao casco histórico de Santiago, a Muralla de Lugo, a Torre de Hércules da Coruña, o Camiño de Santiago Francés o e os Camiños do Norte. Así mesmo, explicou que a Xunta de Galicia traballa activamente en outras tres declaración. “O noso obxectivo é conseguir que a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, Cíes-Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración consigan o máximo recoñecemento da Unesco”, subliñou.
 
Así mesmo, o Goberno galego mantén un apoio firme a candidatura de Ponte... nas Ondas! que aspira a entrar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco, cuxa decisión se tomará a finais deste mes despois de que a proposta conxunta de Galicia e Portugal superase hai uns días o último informe necesario previo a súa inscrición.
R.