Skip to main content

O Culturgal celebrará o seu 15º aniversario do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación completa da feira Culturgal, que volverá atoparse co público e cos profesionais do sector para celebrar o seu 15º aniversario do 24 ao 27 de novembro no Pazo de Cultura de Pontevedra. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mantén o seu compromiso coa Asociación Culturgal como principal entidade patrocinadora deste evento, ademais de volver colaborar no deseño da súa oferta de actividades coa achega de preto dunha trintena de citas entre obradoiros, presentacións, concertos e representacións escénicas.

Anxo M. Lorenzo acompañou a nova directora de Culturgal, Eva Alonso, na rolda de prensa na que se detallou o programa deste ano e na que tamén interviñeron as representantes doutras institucións colaboradoras. O director xeral de Cultura felicitou a organización por esta traxectoria de 15 anos, que “sempre contou co apoio e a complicidade da Xunta”, sinalou.

No contexto desta evolución, fixo fincapé na viraxe de Culturgal cara á vertente do negocio cultural, cunha xornada de apertura exclusivamente dirixida aos profesionais do sector. As asociacións Escena Galega e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) organizan, tamén co apoio directo do Goberno galego, o encontro que terá lugar o vindeiro xoves para contribuír á dinamización da contratación de espectáculos escénicos e musicais. Con tal fin, ao longo de todo o día terán lugar unha serie de roldas de negocio de compañías, promotoras e axencias de representación con máis dunha vintena de programadores de Galicia e do norte de Portugal.

Stand renovado

Este ano a Xunta preséntase en Culturgal cun stand renovado, no que terán lugar varios obradoiros para o público máis novo, así como actuacións escénicas de pequeno formato. Estas actividades súmanse ás citas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade lle ofrece á cidadanía a través da carteleira oficial da feira, entre as que se inclúe unha decena de presentacións sobre diferentes iniciativas impulsadas pola Administración autonómica, como o Plan Integral para a Danza de Galicia, o programa expositivo e de residencias artísticas da Cidade da Cultura, as accións de internacionalización do Centro Dramático Galego, a colección Lectura Fácil xunto a Galaxia ou as novas ferramentas dixitais para a difusión da poesía galego-portuguesa a través de aRi[t]mar.gal.

Así mesmo, Xunta e AGEM promoven os directos musicais da tarde do sábado 26 con Antía Muíño, Berto, Néboa e Grande Amore, mentres que o programa TeCe redes en galego, financiado a través do fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22, contribúe ao programa de Culturgal coas actuacións de Baobab Teatro, Ukestra do Medio, Elefante Elegante, Talía Teatro, Migallas Teatro, Magín Blanco, Capicúa 360, Brazolinda e Esther Carrodeguas.

Programa para o público

Ademais da trintena de actividades que se desenvolverán durante os catro días de feira no Espazo Profesional, onde se darán cita as asociacións e axentes que operan nos distintos campos culturais, Culturgal regresa fiel ao seu encontro co público, desta volta baixo o lema 15 anos cos fíos da cultura. Nesta edición son máis de 90 as accións que terán lugar de venres a domingo arredor de cinco eixos: Espazo Libro, Música+Teatro, Programa Cine, Programa Infantil e Espazo Arte. Ao tempo, poderanse visitar máis dun cento de expositores do recinto feiral e do Espazo Arte coa presenza de institucións e empresas dos diferentes sectores aquí representados, entre eles o CGAC de Santiago.

Un ano máis, a organización da feira Culturgal corre a cargo da asociación homónima, constituída pola Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
R.