Skip to main content

Airbus, Babcock e Telespazio contribuirán á consolidación da BFaero e ao desenvolvemento dos proxectos participantes

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou na xornada de benvida aos participantes na 4ª edición da Business Factory Aero que a visión, experiencia e coñecemento de Airbus, Babcock e Telespazio -os novos socios tecnolóxicos e industriais do Polo Aeroespacial de Galicia-, contribuirán á consolidación desta aceleradora e ao desenvolvemento dos proxectos participantes.
 
Conde salientou que os obxectivos son potenciar o ecosistema tecnolóxico do sector cun enfoque máis internacional; maximizar as sinerxías entre a BFAero e o Polo Aeroespacial de Galicia; garantir a consolidación desta industria coa captación de novos proxectos e favorecendo o crecemento dos apoiados en anteriores convocatorias; e converter esta aceleradora nun referente na Unión Europea de innovación aberta e disruptiva no sector.
 
Na nova edición desta iniciativa da Xunta colaboran, xunto coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico Galego, e Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia. O responsable de Economía, Industria e Innovación da Administración autonómica sinalou que o seu apoio, xunto co dos tres novos socios tecnolóxicos e o que seguen prestando outras compañías de referencia no sector implicadas no proxecto, como Indra e Boeing, é vital para que a Business Factory Aero sexa a canteira de proxectos, empresas e startups que van marcar o futuro desta industria en Galicia e a súa proxección internacional.
 
Nas tres edicións que se celebraron ata o de agora participaron 19 empresas, 8 delas de nova creación; con 60 postos de traballo vinculados; e máis de 5 millóns de euros de investimento mobilizado a través dos diferentes proxectos.
 
A cuarta edición foi a que máis solicitudes recibiu, cun total de 88 propostas, das cales foron seleccionadas 11. Destas, 8 son galegas e 3 de Cataluña, Navarra e Uruguai, o que corrobora a aposta pola internacionalización e a captación e retención de talento no sector aeroespacial. Esta edición incorpora como novidade a fase de incubación, na que participan tres proxectos; ademais da de aceleración, con 5; e consolidación, con 3. Espérase que entre a cuarta e a quinta edición da aceleradora se invistan un total de 7,2 millóns de euros, co que se pretende dar apoio en total a 25 empresas do sector.
 
A BFAero será un importante apoio para o Polo Aeroespacial de Galicia, para o que se reservan nos Presupostos da Xunta do próximo ano un investimento de 27 millóns de euros, para proseguir coa despregadura de solucións e para seguir consolidando industria arredor desta iniciativa. Xa ten programados máis de 300 millóns de euros de fondos público-rpviados, pero aspírase a aumentar este investimento se finalmente o Polo ten encaixe no Perte Aeroespacial.
R.