Skip to main content

A Xunta aumentará máis dun 9% en 2023 o orzamento destinado á investigación sanitaria, ata acadar os 5,7 M€

O conselleiro destacou o importante potencial científico e investigador co que conta Galicia, remarcando o labor que desenvolve a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, “un organismo que é un centro de investigación clave na nosa comunidade, e que constitúe unha referencia nacional e internacional”. Neste senso, o Executivo galego consolida en 2023 unha partida de sete millóns de euros para esta Fundación, que duplicou os seus fondos nesta lexislatura.

Na súa intervención, o responsable do Sergas dixo que Galicia conta xa con tres institutos de investigación biomédica acreditados polo Instituto de Saúde Carlos III, “un fito importante neste campo na nosa comunidade e que redunda na mellora do nivel de asistencia sanitaria que se presta á cidadanía”. Así mesmo, “melloráronse as condicións dos investigadores, para converter a Galicia nun foco xerador e de atracción de investigación”.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou que, en xullo de 2021, asinouse o primeiro convenio para o persoal dos tres institutos, “o que supuxo un primeiro paso para introducir melloras salariais e poñer en marcha plans de formación”. En segundo lugar, Comesaña dixo que a través da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos presupostos da Xunta de 2023, “imos realizar as modificacións necesarias, para integrar estas fundacións de investigación biomédica no sector público autonómico”. Unha medida que irá acompañada da creación, por parte da Xunta, dun estatuto para investigadores de todos os centros públicos autonómicos, que mellorará a súa calidade laboral. Grazas a esta medida, o persoal de investigación destas tres fundacións, que xa serán do sector público, poderán acollerse aos beneficios deste novo Estatuto. Os obxectivos pois son “máis estabilidade e accesibilidade para os investigadores galegos, así como fixar un marco laboral para o futuro e atraer investigadores de fóra de Galicia”.

O conselleiro citou algúns exemplos da actividade dos tres institutos galegos para o avance do tratamento de moitas enfermidades e a mellora da atención sanitaria, como o instituto coruñés, que está a traballar, en colaboración coa Universidade da Coruña, no desenvolvemento de algoritmos que identifiquen aos pacientes con máis probabilidades de sufrir deterioro cognitivo. Ou o instituto de investigación sanitaria de Santiago que, en colaboración con investigadores do complexo hospitalario desa cidade, descubriu un novo biomarcador que detecta o cancro de colon en etapas inicias. Pola súa parte, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, en colaboración co Complexo Hospitalario de Vigo está a deseñar unha aplicación para fomentar a vacinación entre pacientes reumáticos.

Tamén destacou o conselleiro, a posta en marcha do futuro Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia para elaborar novos fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención personalizada dos pacientes, cun investimento inicial por parte da Xunta de 2,5 millóns de euros.

Para rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu o traballo admirable que fan as fundacións como o Instituto de Investigación contra a leucemia Josep Carreras e felicitou ao seu equipo polo premio recibido. “En Galicia coñecemos ben o labor da Fundación Josep Carreras ao que pertence o instituto, pois a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) ten subscrito un acordo con eles para a doazón de medula ósea”.
R.