Skip to main content

A campaña 'Galicia sabe aMar' percorrerá 200 municipios de España relacionados co Camiño de Santiago

Así o sinalou na inauguración do encontro científico-empresarial Beneficios Nutricionais do Consumo de Peixe para a Saúde Pública, organizado pola Universidade de Vigo. Alí tamén explicou que ademais se organizarán diversos foros temáticos que baixo o título A Cociña do Mar percorrerán as grandes urbes galegas e abordarán temas como a sustentabilidade, a formación e investigación e a saúde.

Con estas accións e con encontros como o de hoxe, sinalou a titular de Mar, desde a Xunta “buscamos que os consumidores sexan conscientes da importancia da elección de cada alimento para a saúde”. Nesta liña, Rosa Quintana expuxo que o foro de hoxe permitirá afondar nas necesidades da cidadanía e contribuír a configurar unha dieta idónea para a saúde pública. Deste xeito, engadiu, representa “un escaparate para demandar maior visibilidade e concienciación alimentaria”.

A conselleira destacou ademais o labor sustentable dos profesionais do mar e o valor de campañas como Galicia sabe aMar para recoñecelo. Ao mesmo tempo lembrou outras iniciativas desenvolvidas pola Xunta como Ti si que es un bo peixe, Fai clic ao teu bocata, destinadas ao público infantil, e Vai de peixe, dirixida á poboación de entre 18 a 35 anos.

A maiores, a titular de Mar aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo na organización deste encontro, así como das organizacións de produtores de pesca e entidades colaboradoras que son: a OPP-07 de Burela, a OPP-08 do Porto e ría de Marín, a OPP-51 de Almadraba, a OPP-78 Artesanal del Estrecho, a OPP-66 de Pescadores de Carboneras S.C.A, Sealab e as empresas Espaderos del Atlántico e Mascato.
R.