Skip to main content

A Filmoteca de Galicia sigue afondando na figura de María Casares cunha escolma de material televisivo que inclúe gravacións das súas actuacións teatrais

Xa a partir de xaneiro, poderá verse na Sala José Sellier da Coruña parte desta recompilación, que incluirá tamén a proxección da posta en escena de Hamlet e un par de telefilmes, así como varias intervencións de María Casares e noticias sobre ela na televisión francesa.
 
En decembro, o ciclo María Casares no seu centenario ofreceralle ao público tres novas oportunidades de se achegar a esta figura a través do cinema. Será cos pases do documental Las dos memorias, de Jorge Semprún, este venres día 2, e das longametraxes de ficción La lectora, de Michel Deville, o día 7 e Monte bajo, de Julián Esteban, o día 9. Os tres están programados para as 18,00 h.
 
Ademais, a sede da Filmoteca de Galicia na Coruña acollerá o martes 13 a presentación do libro A única. María Casares a cargo da súa autora, a escritora e tradutora francesa Anne Platagenet.
 
A arte do diálogo no cinema

Tamén terán continuidade nesta recta final do ano outros dos ciclos que se veñen desenvolvendo na Sala José Sellier nos últimos meses. É o caso de Filmes falados, a través do que se está a ofrecer un panorama do cinema edificado a partir da palabra e do diálogo a través de títulos de cineastas que son considerados mestres neste ámbito. Boa mostra son os dous filmes que se poderán ver mañá mesmo: El libro de las imágenes, de Jean-Luc Godard, ás 18,00 h. (cun segundo pase o venres ás 20,45 h.), e Introduction, de Hong Sang-soo, ás 20,30 h. Así mesmo, o ciclo dedicado a Charles Chaplin regresa con outros dous dos seus clásicos: Candilejas e Un rey en Nova York, os sábados 3 e 10, respectivamente.
 
As proxeccións do VI Animacción Festival Internacional de Animación da Coruña, o centenario do cineasta experimental Jonas Mekas e as novas citas de seccións habituais, como Off Galicia, Filmoteca Jr. ou Banda á parte completan a carteleira coa que a Filmoteca de Galicia despide o ano e que xa pode consultarse na súa web.
R.