Skip to main content

Galicia supera os 47 doantes de órganos por cada millón de habitantes, situándose por riba da media nacional

Todos estes datos foron presentados en rolda de prensa, na que estiveron presentes o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.
 
Doantes de órganos

As cifras de doantes de órganos cadáver en Galicia sitúase en 128 (77 na provincia da Coruña, 5 na de Lugo, 11 na de Ourense e 35 na de Pontevedra); datos que supoñen que haxa unha taxa de 47,6 de doantes por cada millón de habitantes, superando nun punto a media nacional.

A doazón en asistolia, programa determinante para a expasión do transplante, aumentou un 74% con respecto ao 2021, cun total de 47 doantes, o que supón un 37% de doantes totais na nosa Comunidade.
 
No que se refire á causa da morte dos doantes, os factores principais foron os accidentes cerebro vasculares, co 62%, seguido de encefalopatía anóxica cun 21%, e dos traumatismos craneoencefálicos por accidente non de tráfico, cun 8%, mentres que de accidentes de tráfico foi o 3%, correspondendo un 6% a outras causas. No que respecta á idade media dos doantes, foi de 60,8 anos.
 
De tal forma que, dende o inicio do programa de transplantes en Galicia ata o final do 2022, en Galicia rexistráronse máis de 3.200 doantes de órganos.
 
Negativas familiares

A resposta negativa de familiares no 2022 foi do 18%, o que confirma a consolidación da tendencia descendente das mesmas nos últimos anos. Por outra banda, cómpre destacar que, na actualidade, en Galicia hai 121.673 persoas que posúen a tarxeta de doador de órganos. Destas, 1.986 son novas tarxetas rexistradas ao longo do 2022 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS.

En canto á doazón de medula ósea, lembrar que Galicia rexistrou 1.187 novos doantes. Desta forma, contamos con 13.714 doantes inscritos no REDMO (Rexistro de Doantes de Medula Ósea).
 
Accións educativas

Doutra banda, salientar que a Coordinación de Transplantes de Galicia efectuou 64 charlas no curso académico 2021-2022, para fomentar a doazón, e na que participaron máis de 2.500 escolares de toda Galicia.
 
Así mesmo, no pasado curso escolar, falláronse o VII Concurso Universitario de curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea; o IV Concurso escolar de carteis relacionados coa doazón e os transplantes de órganos para estudantes de 5º e 6º de primaria e 1º, 2ºe 3º da ESO; e o VIII Concurso de curtametraxes para escolares relacionados coa doazón e os transplantes de órganos, dirixido a alumnos de bacharelato e ciclos formativos de grao básico, medio e superior.

Accións formativas

Ademais, a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS seguíu co programa de formación especializado en doazón e transplantes de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, así como a realización de dous cursos de malas noticias, na que se abordan distintos aspectos, tales como afrontar a perda tras o falecemento dun ser querido, así como as actitudes dos profesionais sanitarios neses momentos de especial sensibilidade, na que participaron trinta e cinco profesionais; ademais de desenvolver nove cursos sobre procesos de doazón e transplantes, que foron realizados por máis 6.800 profesionais sanitarios.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Servizo Galego de Saúde desexan facer un recoñecemento público a doantes e familiares pola xenerosidade amosada neses momentos tan difíciles. Tamén agradecen a toda a sociedade e aos profesionais dos centros hospitalarios galegos, pois é grazas a eles que as cifras de transplantes continúen aumentando en Galicia.
R.