Skip to main content

Presentada a Estratexia Galega de Mobilidade co fin de reducir un 30% as emisións contaminantes e o 80% as vítimas mortais asociadas ao transporte no 2040

Subliñou que se trata dunha folla de ruta para guiar as administracións en Galicia para responder ás necesidades de mobilidade das persoas e das mercadorías do xeito máis eficaz, sostible, económico e seguro, co apoio da innovación e das nova tecnoloxías.

Ethel Vázquez explicou que as transformacións socioeconómicas dos últimos anos obrigan a dotar Galicia dunha planificación transversal e estratéxica para garantir a mobilidade á medida das persoas e das mercadorías, de forma coherente co contexto climático, económico, tecnolóxico e enerxético.

Indicou que a Estratexia suporá un novo modelo baseado nunha mobilidade de baixas emisións, en promover o transporte público, a intermodalidade e os desprazamentos non motorizados dunha maneira efectiva, como parte da loita contra o cambio climático.

Obxectivos

A conselleira detallou que esta completa ferramenta de planificación transversal da mobilidade contén 5 obxectivos estratéxicos, 19 obxectivos operativos, un conxunto de 12 programas e 98 actuacións.

Remarcou que este modelo integral de mobilidade está baseado nunha rede de transporte interurbana onde as conexións se planifiquen e complementen os dous grandes modelos de mobilidade en Galicia: a urbana e a rural.

Mediante una acción transversal, o documento proporá avanzar cara a un novo modelo de mobilidade, en gran medida, cun concepto clave, que é a redución de desprazamentos: achegando os servizos aos cidadáns, con teletraballo e coas novas tecnoloxías.

Esta redución tamén se aplicará ás distancias, cunha mellor ordenación do territorio e co fomento de servizos e produtos de proximidade; ás emisións asociadas ao transporte, coa mobilidade peonil, o transporte eléctrico e os vehículos de emisións cero; ou á sinistralidade asociada á mobilidade.

Ethel Vázquez concretou que eses obxectivos globais derivan 5 obxectivos estratéxicos para ofrecer unha mobilidade máis funcional, garantir a sustentabilidade ambiental, incrementar a seguridade, apostar pola innovación e abaratar os custos da mobilidade.

A partir destes retos defínense materias diversas como o fomento dos servizos de proximidade; os camiños escolares seguros; a accesibilidade e a perspectiva de xénero no transporte; o billete combinado nos distintos soportes do transporte; os ecoincentivos para os vehículos de baixas emisións; ou a implantación de marquesiñas virtuais coas que, mediante un código QR o usuario poida ter acceso a todas as liñas e frecuencias que pasan por esa parada.

Exhaustivo diagnóstico

Cómpre precisar que a Estratexia Galega de Mobilidade baséase nun exhaustivo diagnóstico que tivo en conta os plans sectoriais de transporte público, de seguridade viaria e de infraestruturas do transporte.

Procesáronse máis de 200 millóns de datos de dispositivos móbiles correspondentes a 600.000 relacións de desprazamentos, estudáronse as características sobre tempos e traxectos dos traslados en toda Galicia e incorporáronse á análise os hábitos de uso en diferentes modos de transporte.

Este traballo de campo permitiu coñecer, por exemplo, que o 95% dos desprazamentos que realizan os galegos son dentro da Comunidade, que máis da metade se realizan dentro da mesma provincia e un terzo no mesmo municipio.

O estudo tamén arroxou que o 55% dos desprazamentos totais son de menos de 20 km, que Lugo é a cidade que presenta menor relación de mobilidade cos concellos da contorna, ou que en Ferrol, o 80% das saídas do municipio son aos 10 concellos da comarca.

Ademais ratificouse que en verán se incrementan un 30% as viaxes; que as mulleres realizan un 15% menos de desprazamentos que os homes; que os vehículos pesados representan o 7,5% do tráfico, ou que o maior número de viaxes en autobús se realiza entre Vigo e Pontevedra e entre A Coruña e Santiago.

Coordinación e participación

A conselleira fixo fincapé en que o desenvolvemento desta Estratexia require da coordinación entre todas as administracións e da implicación do conxunto da sociedade.

Convidou á participación, a través do proceso de información pública que hoxe comeza e que permitirá realizar achegas ata o vindeiro 31 de marzo.

A Xunta analizará todas as suxestións que se reciban e incorporará aquelas que sexan viables e pertinentes, antes de aprobar definitivamente a e Estratexia Galega de Mobilidade no Consello da Xunta, previsiblemente na primeira quincena de xuño.
R.