Skip to main content

O Consello Galego de Pesca analizará o plan de acción co que Bruxelas busca vetar a pesca de arrastre no 30 % das augas comunitarias

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, manifestou hoxe que este paquete de medidas de Bruxelas ten un calado medioambientalista inadmisible, desequilibrado e incoherente e supón un atentado para a xente do mar pois obvia os aspectos socioeconómicos e fai perigar o seu futuro. Nesta liña, a reunión do Consello Galego de Pesca tamén servirá para trazar unha folla de ruta de defensa da frota galega ante estas decisións desproporcionadas que desatenden a realidade marítimo-pesqueira.

Así o sinalou no marco do II Congreso Súmate ao cambio sustentable, organizado por Empresarias y Directivas del Atlántico (EDA) e no que o director xeral interveu no panel IV, titulado Cara a un Atlántico máis sustentable. Alí Antonio Basanta tamén fixo fincapé en que o Goberno galego seguirá reclamando xustiza para a frota que está a pasar momentos de dificultade debido a este tipo de prohibicións establecidas pola Comisión Europea.

Neste sentido, o representante da Consellería do Mar sinalou que o Executivo autonómico reforzará o traballo na vía diplomática e na xudicial e continuará defendendo á frota e apoiando ao Goberno central no camiño indicado desde Galicia.

Estas restricións á pesca de arrastre sumaranse ao veto actual á pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 áreas de augas comunitarias e que foi recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea polo Goberno central e a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7).

Neste último recurso a Xunta presentarase como parte coadxuvante e avanza na estratexia de defensa dos intereses do sector ante esta prohibición. De feito, esta semana Antonio Basanta abordou con representantes da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e do bufete de avogados J&A Garrigues distintas cuestións vitais para dar solidez ao recurso. Este bufete conta con xuristas especializados en dereito comunitario e coñecedores da materia e a Consellería do Mar recorreu a el para apuntalar a estratexia galega e obter os mellores resultados posibles.

En relación coa avaliación sobre a PCP que inclúe o paquete de políticas marítimas de Bruxelas, o director xeral destacou a carencia de autocrítica e de solucións a cuestións como os descartes de pesca. A maiores salientou que Bruxelas tampouco propón medidas na estratexia para a transición enerxética do sector pesqueiro. Isto debe facerse, indicou, de xeito equilibrado, asumible para a frota e con apoios económicos da Comisión Europea para dispoñer de buques adaptados.
R.