Skip to main content

Touriño se compromete a trabajar por una Galicia de oportunidades para todos en su primer mensaje de Fin de Año como presidente de la Xunta de Galicia

El presidente de la Xunta, Emilio Pérez Touriño afirmó, en su primer mensaje oficial de Fin de Año como presidente de la Xunta, que sueña con una Galicia llega de oportunidades para todos; una Galicia solidaria, trabajadora y próspera en la que la pobreza y la precariedad sean únicamente recuerdos pasados.

Recordando a los gallegos en el exterior, Touriño se compromete a trabajar por hacer de Galicia un lugar de oportunidades para todos, apostando por la mejora de la educación, la investigación y el desarrollo tecnológico.

El presidente de la Xunta de Galicia también tuvo referencias a la reforma del Estatuto que espera se aborde desde la responsabilidad y con el consenso de todas las fuerzas políticas con representación en el Parlamento gallego.






Mensaje de Fin de Año 2005 del presidente de la Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño:


"Boas noites:

Dentro dunhas horas, coas badaladas e as uvas da medianoite, poremos fin a 2005. Foi este un ano pródigo en acontecementos, fóra e dentro das nosas fronteiras.

Todos recordamos a catástrofe natural que asolou o ano pasado, por estas mesmas datas, o sueste asiático. Lembramos tamén os brutais atentados que encheron de medo, pero tamén de dignidade, as rúas de Londres.

E tampouco podemos esquecer a violencia coa que teñen que convivir a diario os cidadáns de Iraq, e doutros lugares do mundo.

Agroman, sen embargo, en todas partes, signos de esperanza e de boa vontade. E cada día son máis as persoas que, sen distinción de credos, razas nin nacionalidades, traballan comprometidamente por un mundo mellor, por un mundo de liberdade, de igualdade e de paz.

Na nosa terra, 2005 foi o ano do cambio, o ano da alternancia no Goberno da Xunta de Galicia. Vós, co voso voto, decidistes que fose eu quen me puxese á fronte da nave autonómica. Asumín esta responsabilidade coa convicción de que dispoñemos dunha tripulación preparada e dun pobo disposto a incorporarse, con ilusión e sen exclusións, a esta nova etapa da nosa vida colectiva.

Abusando da confianza que depositastes en min, ídesme permitir esta noite que, durante uns minutos, sente á vosa mesa para compartir con todos vós os mellores desexos de paz e felicidade. E para comprometerme, na intimidade dos vosos fogares, a traballar arreo para que os vosos soños se convirtan na guía que oriente a nosa acción como gobernates e como cidadáns.

Estas datas do Nadal teñen un entrañable significado familiar. Por iso quero reservar unha lembranza moi especial para os que hoxe xa non nos acompañan e para todos os galegos e galegas que, por unha ou outra causa, están ausentes da Terra.

Para os nosos emigrantes, que, esparexidos por Europa ou alén mar, levan décadas achegando o seu xeneroso esforzo ao progreso de Galicia.

Para os soldados galegos que, con risco das súas vidas, como tristemente aconteceu coa Brilat, desempeñan tarefas humanitarias e defenden a causa da paz en afastados países.

Para os mariñeiros que navegan mares rigorosos, arredados fisicamente das súas familias, que velan pola intendencia e a prosperidade dos fogares galegos.

Tamén para os cooperantes e os voluntarios, para os centos de mozos e mozas que están lonxe porque están axudando aos máis pobres e aos máis necesitados do mundo.

Saiban todos eles que os agardamos cos brazos abertos.

Hai uns días, no Parlamento de Galicia, un grupo de mozos de 25 anos definiu, en extraordinaria síntese, os novos xeitos de pobreza.

Esas voces, que teñen a mesma idade que o noso Estatuto de Autonomía, emprazáronnos a combater e a erradicar unha nova forma de pobreza: a desigualdade de oportunidades. Esa clase de desigualdade que condena a moitos xoves ao paro, ao traballo precario e mesmo, novamente, á emigración.

Foi unha lección maxistral que o Goberno que presido non vai esquecer: achegar a todos as oportunidades de progreso e benestar. Máis oportunidades para todos, sexa cal sexa a súa posición económica ou a súa procedencia xeográfica.

Oportunidades de formación e de especialización, porque a educación non só é a clave da liberdade individual, senón tamén o salvoconducto que pode abrirlle a Galicia as portas do futuro nun mundo global cada vez máis aberto e competitivo.

A educación, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico van ser no ano que comeza ámbitos de acción prioritarios para o goberno de Galicia, como xa o foron nas primeiras medidas adoptadas durante o 2005.

Oportunidades de traballo estable e de calidade, tanto para garantir a realización persoal e suprimir a precariedade, como para mellorar a competitividade das nosas empresas e dos nosos produtos.

Porque se trata dun obxectivo compartido por todos e que a todos compete, a miña primeira decisión como presidente da Xunta de Galicia consistiu en convocar a empresarios e sindicatos para pór en marcha o diálogo social.

O Plan de Emprego, asinado co ministro de Traballo, e a Declaración institucional polo diálogo social, asinado cos axentes sociais, constitúen os primeiros froitos dese labor.

Oportunidades para que a muller acceda, en igualdade de condicións, ao mercado laboral. Prométovos que iremos derrubando todas as barreiras que dificultan o acceso da muller ao traballo, porque non podemos permitir ningún tipo de discriminación por razón de sexo.

Oportunidades de lecer e descanso para os nosos maiores, que deben gozar, no outono da súa vida, do noso apoio e daqueles bens e servizos que eles mesmos crearon.

O incremento de prazas nas residencias públicas e a mellora dos mecanismos de atención asistencial para cubrir as súas necesidades constitúen dous compromisos ineludibles deste Goberno.

Abrir novas oportunidades supón avanzar no autogoberno, ampliar a nosa capacidade de decisión sobre os propios asuntos, mellorar o sistema de financiamento autonómico, así como dispoñer de novos instrumentos de participación noutras esferas políticas, como a Unión Europea.

Por iso queremos proceder a unha reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, a norma que durante o último cuarto de século estableceu un excelente marco para o progreso e a convivencia democrática.

Queremos reformalo porque é necesario adaptar as leis ás novas realidades dun mundo tan cambiante como este no que hoxe vivimos. Trátase de dar un paso adiante para non quedar atrás. De reformar para mellorar.

Pero non imos tirar pola borda a colleita destes vintecinco anos. Como dixen hai uns días, ao conmemorar o aniversario do referendo de mil novecentos oitenta, imos afrontar a reforma do noso Estatuto de Autonomía desde a responsabilidade e co acordo de todas as forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia.

Non imos facer unha reforma que vaia contra ninguén. Teremos un Estatuto no que se recoñezan todos os galegos e galegas, un Estatuto que todas as forzas políticas e todos os cidadáns poidan sentir como propio.

E faremos a reforma onde corresponde, na casa grande da soberanía popular, no Parlamento de Galicia. No mellor escenario para a razón e o debate.

Como eses mozos e mozas que acudiron ao Parlamento a expoñeren as súas demandas, eu tamén soño cunha Galicia chea de oportunidades para todos.

Unha Galicia solidaria, traballadora, próspera e na que a pobreza e a precariedade só sexan recordos do pasado. Unha Galicia moderna e tolerante, orgullosa da súa paisaxe, da súa cultura e da súa lingua, pero tamén da súa sanidade, da súa educación e das súas infraestruturas.

Unha Galicia que conserve as súas mellores tradicións e os seus sinais de identidade, pero con vocación universal e disposta a incorporarse ao tren do futuro.

Unha Galicia, en fin, de homes e mulleres libres, conscientes de estaren embarcados no mesmo proxecto colectivo, a Galicia da unión e da cooperación, porque, como dicía Lorenzo Varela, o gran poeta a quen dedicamos o ano que hoxe despedimos, non temos “máis que un mar, un barco, un ceo”.

Eu convídovos a que compartamos e coidemos ese mar, ese barco e ese ceo. Esta Terra, que é a nosa.

Boas noites. Feliz aninovo".


R.