Skip to main content

Mensaje de Fin de Año: Fraga destaca la importancia del galleguismo no excluyente y acorde con la Constitución en el desarrollo de Galicia

Discurso íntegro de Fin de Año del presidente de la Xunta, Manuel Fraga:
Queridas amigas e amigos, moi boas noites a todos:
Nestes momentos de xuntanza familiar, permítanme compartir uns minutos con todos vostedes para expresarlles os meus mellores desexos de paz, de saúde, de prosperidade e de benestar.
Queridos amigos, este comezo de século e de milenio está traendo consigo cambios vertixinosos e transformacións imparables.
Non podemos ignorar os novos riscos e ameazas para a paz e a convivencia que xurdiron na orde mundial. Nestes mesmos momentos moitos españois, entre eles non poucos galegos, membros das Forzas Armadas e de organizacións de cooperación internacional, desempeñan en varios países misións humanitarias en favor da paz.
Nesta noitevella de 2003 eu quero lembrarme especialmente deles para que cando rematen o seu traballo solidario poidan retornar, sen novidade, ós seus fogares.

Quero tamén transmitir un recordo moi entrañable para todos aqueles galegos que un día tiveron que deixar a súa terra, pero ós que sentimos, de corazón, moi preto de todos nós. Vaia para eles unha aperta sincera, especialmente para os que están a vivir situacións máis duras por mor dos difíciles acontecementos económicos, sociais e políticos polos que atravesan os países que os acollen. Deben saber que, malia as distancias, estamos ó seu carón, e que con eles nos facemos máis fortes.
E os que retornan, saiban que os recibe unha Galicia renovada que, sen deixar de ser ela mesma, ofrece ampliadas esperanzas. A mesma Galicia que ofrecemos tamén ós cidadáns doutros países que veñen a buscar aquí un futuro mellor e ós que acollemos coa mesma hospitalidade que atoparon os galegos en tantos lugares do mundo.
Calquera pode comprobar, no labor realizado e nas obras concluídas, que a Galicia do 2003 foi un capítulo máis no devir dunha comunidade que soubo rachar, nos últimos anos, co atraso e coa marxinación. Unha nova Galicia que é a Galicia das autoestradas, das autovías, dos portos, dos gasoductos, das telecomunicacións, da renovación do ferrocarril, das melloras na sanidade e na educación... A mesma Galicia que impulsou e consolidou a súa autonomía e o seu autogoberno, que promocionou a súa lingua e a súa cultura, a Galicia que soñaron os devanceiros. Unha Comunidade Autónoma que defende os principios establecidos na Constitución e no Estatuto, valores que garanten a unidade e a convivencia entre os pobos de España. Polo tanto, a Galicia do 2004 seguirá avanzando, fronte ás propostas irresponsables dalgúns, polo camiño dunha Galicia moi galega e moi española, moi europea e moi iberoamericana, e mesmo universal... Unha Galicia solidaria e plenamente integrada no actual Estado das Autonomías.
O galeguismo que compartimos a grande maioría dos galegos non é excluinte. Nós non precisamos rexeitar a ninguén para sentirmonos máis galegos. Pensamos que a Galicia forte, desenvolvida e aberta que arelamos, é compatible cunha España unida. Precisamos que se manteñan os mecanismos de solidariedade interterritorial que establece a Constitución coma un dos alicerces da patria común, e por iso preocúpannos os intentos de crebar o marco solidario que fixemos entre todos.
Galicia deixou de ser esa doce mágoa das Españas que cantara o poeta para ser unha terra exemplar, que soubo combinar o desenvolvemento coa autoafirmación, a evolución co respecto ó legado deixado polos nosos devanceiros. ¿Qué fixo posible este milagre? Un pobo emprendedor e unha estabilidade institucional en Galicia e en España. Galicia non estivo soa na grande tarefa da súa recuperación, senón que contou co apoio solidario de España enteira. Por iso, defender a unidade plural de España é tanto como defendernos a nós mesmos.
A España das autonomías é un logro histórico da nosa convivencia colectiva. Ninguén debe, gratuitamente, pór en risco este modelo no que a plural diversidade das distintas comunidades atopa un perfecto acomodo na común e indivisible patria española.
Para o ano 2004, un dos grandes obxectivos do Goberno galego continuará a se-la creación de emprego. Seguiremos a aplicar medidas para favorece-la estabilidade e a inserción laboral dos desempregados con maiores dificultades no mercado de traballo; fomentaremos tamén o autoemprego, a promoción das cooperativas, a integración laboral das persoas con discapacidade e o apoio ó emprego autónomo.
O 2004 será tamén o ano da solución definitiva ó Prestige; unha solución innovadora desde o punto de vista tecnolóxico e científico, que convertirá a Galicia en referente mundial. O traballo de todos permítenos xa, desde hai moitos meses, volver a olla-lo noso mar con esperanza ilimitada.
Pero 2004 será tamén o ano dun novo impulso do noso desenvolvemento. O Plan Galicia vai supór un profundo cambio na nosa comunidade. Estánse a sentar as bases para a definitiva modernización do noso territorio, tanto na mellora e dotación de infraestructuras, sobre todo gracias ó tren de alta velocidade, coma no grao de competitividade do noso tecido empresarial. É unha oportunidade que non podemos desaproveitar.
Nesta noite marabillosa convido a todos os galegos do mundo a brindar pola chegada do 2004; o primeiro Grande Ano Santo Xacobeo do século XXI e do terceiro milenio da Era Cristiá.
O Xacobeo 2004 será, sen dúbida, un ano de fe, de cultura e de creatividade, un tempo para o rearme moral e para unha maior confianza nos valores do ser humano.
Quero que o meu saúdo chegue a tódolos que están obrigados a pasar esta noite lonxe das súas casas: moi especialmente ós nosos mariñeiros que faenan en alta mar; ós que permanecen ingresados en centros hospitalarios, para eles o meu desexo dunha rápida recuperación; ós que teñen que atender ó seu traballo e non poden cear coa súa familia; ós que están privados de liberdade; ós que non atopan traballo; ós emigrantes que chegan aquí buscando un porvir máis digno para eles e para os seus fillos; e, como dicía ó principio, ós membros das Forzas Armadas e das Organizacións Non Gubernamentais que tan loable labor humanitario están a desenvolver en diversos lugares do mundo. En fin, Felicidades para todos, sobre todo para aqueles que sintan, nesta noite de amor e convivencia fraternal, a dura carga da soedade e do desamparo.
E non quero rematar sen enviar tamén un recordo agarimoso para os máis novos, que están a formarse na actualidade para facer que Galicia sexa cada día que pasa máis próspera e avanzada. Neles volcamos tódolos nosos esforzos para que teñan unha Galicia chea de oportunidades. Empezando polo máximo apoio á familia como figura fundamental para un crecemento baseado nos valores máis necesarios para a convivencia. A Administración galega disporá durante o ano 2004 dun novo instrumento legal para fomentar a igualdade entre homes e mulleres que permitirá avanzar na eliminación das discriminacións por razóns de sexo e loitar contra os incomprensibles episodios de violencia doméstica.
Coa honra e a responsabilidade de ser Presidente da Xunta de Galicia, con todas as miñas forzas e coa saúde necesaria para seguir traballando por Galicia e por España, deséxolles un ¡Feliz Xacobeo 2004!, e que resulte un gran ano, cheo de prosperidade e de boas cousas para todos.
Moitas gracias.

R.