Skip to main content

Novas

  • O Mapa de Radon de Galicia acadou as 6.080 medicións en vivendas galegas tras unha nova ampliación feita polo Laboratorio de Radon de Galicia da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, dirixido polo profesor Juan Miguel Barros Dios. Os resultados da actualización do mapa foron presentados este xoves 22, en rolda de prensa, polo catedrático da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano Raviña, quen deu conta de como o 70% do territorio galego está afectado por concentracións elevadas deste gas. O mapa evidencia que o radon, canceríxeno humano que está asociado causalmente co cancro de pulmón, supera os límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) nun 18% dos fogares galegos analizados.
  • A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, abriu hoxe un novo itinerario artístico nas zonas verdes do Gaiás, formado polas intervencións artísticas da cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Nesta ocasión son dous creadores novos galegos, Diego Vidal e Rebeca Lar, canda o navarro Alberto Odériz, os encargados de dar forma ás tres pezas escultóricas que se poderán ver ata o mes de novembro no Bosque de Galicia. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participou esta mañá coas comisarias e artistas na apertura de Reb/veladas na paisaxe, destacando a súa aposta por levar a arte fóra das paredes dos museos e engadir un atractivo cultural á contorna natural do Gaiás.
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron na reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para 2023. Este órgano, que está operativo desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na comunidade galega, co fin de sumar sinerxías e anticiparse aos lumes. A xuntanza serviu para avaliar as principais novidades no dispositivo, como son a creación dunha unidade especializada en grandes lumes, a posta en marcha de tres novas brigadas públicas helitransportadas ou a ampliación da rede de videovixilancia.
  • O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu hoxe en Baiona a necesidade de rebaixar o IVE dos produtos do mar para reactivar o seu consumo e valorizar o labor esencial do sector pesqueiro como subministrador de alimentos de calidade á cidadanía. Nesta liña, sinalou que esta medida contribuiría a incentivar o movemento do mercado, a aliviar a situación das familias -especialmente as de aquelas con baixos ingresos- e a mellorar as previsións de crecemento económico. Así o expuxo na inauguración do 23 Congreso Aecoc de produtos do mar, onde estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas nun encontro de partes interesadas relacionado co ditame do Comité Europeo das Rexións (CdR) sobre o futuro do sector pesqueiro na Unión Europea, encargado á Xunta. Tralo último encontro da comisión de Recursos Naturais (NAT) do CdR, Gamallo presentou as primeiras liñas deste ditame e intercambiou opinións con rexións vencelladas co sector pesqueiro, así como con outras partes interesadas do sector público e privado.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá ás tomas de posesión do novo delegado territorial de Pontevedra, Agustín Reguera, e da representante do Goberno autonómico en Vigo, Ana Ortiz. Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego resaltou a experiencia, o compromiso e a dedicación dos novos delegados e agradeceu a entrega no desenvolvemento deste traballo dos seus predecesores, Luis López e Marta Fernández-Tapias, respectivamente. Rueda instou os novos delegados a seguir mantendo intactos o compromiso, humildade e bo talante que lles caracterizou nas súas responsabilidades anteriores para continuar a traballar sempre co único obxectivo de facer avanzar Galicia e buscar o mellor para os galegos e galegas.
  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, votaron en contra dunha folla de ruta incompleta e inacabada para a mellora da atención temperá en España. Os dous conselleiros participaron por videoconferencia no pleno conxunto do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e do Consello Territorial de Servizos Sociais e do sistema para a autonomía e atención á dependencia.
  • O proxecto europeo Erasmus+ ALLURE conta como países socios con Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade). Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.
  • A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe co Consello Galego de FP para explicar a oferta de ciclos, másteres e programas formativos para o curso 2023/24. Un total de 42.174 prazas nun catálogo amplo e variado para dar resposta ás necesidades de todas as familias profesionais, sectores e territorios. Cómpre salientar que, do total das 42.174 novas prazas, 34.704 son na modalidade presencial, a maior oferta presencial da historia, e só 7.470 son a distancia. Ademais, haberá 1.482 grupos cursando Formación Profesional de xeito presencial e só 151 o farán a distancia.
  • As 42.174 prazas de novo ingreso que se van ofertar dan resposta ás necesidades de todos os territorios e sectores produtivos cun importante aumento da oferta na meirande parte das familias profesionais. En función das diferentes reunións mantidas cos sectores profesionais ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia, prodúcense incrementos significativos nas prazas ofrecidas nas familias profesionais de Industrias extractivas (+221%), Enerxía e auga (+37%), Agraria (+22%), Marítimo-pesqueira (+19%), Informática e comunicacións (+19%), Imaxe e son (+18%), Edificación e obra civil (+17,5%) e Instalación e mantemento (+15%).