Skip to main content

Novas

  • Galicia converterase o próximo mes de outubro no epicentro do debate europeo sobre a restauración dos océanos e sobre o futuro da ciencia mariña ao acoller a Conferencia EurOCEAN 2023, un foro que reunirá na cidade de Vigo a comunidade científica europea, a responsables políticos da Unión Europea e dos Estados Membros, a industria marítima e outras partes interesadas do mar. O EuroOCEAN 2023 terá lugar os días 10 e 11 de outubro e a súa sede será o auditorio Mar de Vigo, que se converterá nun espazo de intercambio e debate sobre os últimos avances e desafíos de futuro na investigación mariña e o uso sostible do océano.
  • A Filmoteca de Galicia acolleu a estrea de tres documentais e un filme de ficción rodados polo alumnado dos catro centros de ensino participantes en Cinema en Curso 2022-23. Esta iniciativa internacional de pedagoxía do audiovisual, organizada pola asociación A Bao A Qu e coordinada en Galicia pola cinemateca da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, forma parte do Plan Proxecta para a Innovación Educativa da Xunta e na que participaron nesta edición 74 estudantes e 14 docentes de institutos e escolas de Betanzos, Cangas, Ponte Candelas e Cercedo-Cotobade.
  • A directora xeral de Saúde Publica, Carmen Durán Parrondo, remarcou esta tarde no Parlamento de Galicia, o papel protagonista que están a ter a Intelixencia Artificial e o Big Data na Estratexia de dixitalización da Saúde Publica en Galicia. Durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, a directora xeral explicou algunhas das liñas de traballo nas que xa está a avanzar o departamento que dirixe, e nas que o emprego das novas tecnoloxías terán un papel moi relevante.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai contar o vindeiro curso 2023-2024 'coa oferta máis alta e numerosa de Formación Profesional' da súa historia ao contar con 42.174 prazas de novo ingreso, un 12% máis respecto ao ano académico que remata. 'Créanse 4.500 novas prazas, o que supón que a oferta medra en todas as áreas e todos os sectores', indicou Rueda. Rueda explicou que esta oferta foi deseñada a través do Plan Conecta FP Galicia que busca coñecer as necesidades do tecido produtivo galego 'e adaptar a oferta formativa ás demandas actuais das empresas'.
  • Galicia pechou o primeiro trimestre do ano cunha ratio débeda/PIB do 17,7% segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao primeiro trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España. Esta ratio é tres décimas superior á do primeiro trimestre do ano 2022 (17,4%), debido a que a Xunta acelerou nos primeiros meses do ano a execución do seu programa de endebedamento, e executou o 75% do importe de endebedamento autorizado, co obxectivo de aproveitar a estabilidade que ofrecían os mercados financeiros nese período. Este aumento é transitorio e corrixirase nos vindeiros meses.
  • O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón. O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso.
  • A reciclaxe de envases de plástico, metal (latas), briks e papel e cartón en Galicia incrementouse en algo máis dun 6 % en 2022 respecto ao ano anterior. Así se desprende dos datos que manexa a entidade Ecoembes, organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país e que desde hai anos coopera coa Xunta co fin de mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos. Tendo en conta só os datos que dependen de Ecoembes, o ano pasado remitíronse a instalacións recicladoras para darlles unha nova vida 73.744 toneladas de envases lixeiros e de papel-cartón en toda Galicia, 4.451 toneladas máis que en 2021.
  • A celebración do Día mundial do doante de sangue coincidiu co 30 aniversario do inicio das campañas postas en marcha en Galicia para animar aos cidadáns a facerse doantes. Neses tres decenios, as doazóns anuais se incrementaron nun 50%, ao pasar das 69.000 do ano 1993 ás 106.000 do ano 2022. En total, os galegos e as galegas fixeron máis de tres millóns de doazóns de sangue. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou este incremento no acto de conmemoración do Día mundial do doante de sangue, no que se celebrou tamén que a Comunidade galega cumpra tres decenios organizando campañas para animar a doar e salvar vidas.
  • O consorcio CleanAtlantic, liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e composto por 19 organizacións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España, traballou desde 2017 na mellora do coñecemento e das capacidades de prevención, monitorización e eliminación do lixo mariño. Esta iniciativa está financiada polo Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico e conta coa participación de Intecmar e USC.
  • Xunta e sector coinciden en sinalar que o Goberno central non tivo en conta nin ás comunidades autónomas nin ás organizacións agrarias -cando menos ás galegas con representación nacional- á hora de decidir as achegas directas pola seca, que deixarán aos gandeiros galegos tan só cun 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, porcentaxe destinada ás comunidades que o executivo de Madrid establece como de afectación moderada.