Skip to main content

O Himno

himno galicia simbolos institucions
Escoita o Himno Galego

simbolos galicia institucions
Casa de Pondal en Ponteceso.

Eduardo Pondal Himno Galicia
Eduardo Pondal

Os pinos
(Himno Galego)

¿Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?

¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

“Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono,
fogar de Breogán".

“Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son,
mais soo os iñorantes,
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non".

“Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán"

Eduardo Pondal:
"Queixumes dos pinos"

Pascual Veiga Institucions Galicia
Pascual Veiga

simbolos galicia institucions
Detalle do sartego de Pascual Veiga, en Mondoñedo, no que se representan motivos musicais.

Desde mediados do século XIX, a nosa lingua, na que na Idade Media escribiran mesmo os reis, volve a ser utilizada na escritura polos mellores autores de Galicia. Foron os máis significativos Rosalía de Castro, Manuel Curros e Eduardo Pondal.

Pondal, o autor da letra que adoptou o noso himno, cavilaba nas glorias e grandezas da Galicia do pasado, e determinou darnos memoria delas para que os galegos do futuro nos servisen de espello. No seu libro de versos “Queixumes dos pinos” puxo a falar ós piñeiros de temas tan vitais que nos afectan ós galegos de calquera tempo. Estas árbores falábanlle ó poeta – e fálannos a nós- da nosa historia e do noso porvir, de liberdade e de esperanza, dos pobos e persoas que son veciños nosos e do respeto e intención que gardan para o noso país e as nosas cousas…

Pondal soñaba unha Galicia grande e digna e agachaba o propósito de que así mesmos os seus fillos a sentisen. Coñecía por dentro tan ben a nosa terra que lles deu voz ós piñeiros, desde sempre tan nosos, como se de bos galegos se tratase. Os rumorosos, que así lles chama ós pinos, fálannos na hora do prácido luar; nesa paz silenciosa, as súas agullas (o escuro arume arpado) vanse convertendo en arpas musicais tanxidas polo vento. E o piñeiral enteiro murmura unha conversa en tres tempos diferentes, canto máis vai con máis folgo.

 

En efecto, o Fogar de Breogán (Galicia) permanece durmindo hai moitos séculos. No seu sono, perdeu de si a conciencia e púxose a falar con voz allea e tamén a respirar noutra cultura e noutras cousas que non son as súas propias. E porque sofre unha inxuria que a enche de vergoña, Galicia (o Fogar de Breogán) ten que despriguizarse do sono que a mata e ten que revirarse contra os que a maltratan.

Mais este despertar de Galicia –dínolo Pondal nos queixumes dos piñeiros- non é entendido nin atendido aínda polas nacións veciñas, e nin sequera por todos os galegos, pois só atenden e entenden os bos e xenerosos, os que respetan ós pobos como son, os que permiten que unha comunidade sexa dona de si e afirme e ame o propio.

Ben nos decatamos que as persoas, canto máis ignorantes e ruíns sexan elas, menos entenderán tamén as liberdades e o dereito que outros pobos e persoas teñen para ser donos de si mesmos. Queren unificar, no seu desprecio e intolerancia, o que a mesma natureza fixo libre e diverso. Os piñeiros que Pondal fai falar chámanlles a estes homes intransixentes e perseguidores, imbéciles e escuros.

As palabras que entoamos no noso propio himno anúnciannos que o tempo das verdades chegou a nós na voz dos bardos celtas, na do bardo Pondal e na dos poetas galegos do presente e do futuro. Esta voz, que é memoria do pobo, vai acabar co sono e as vaguedades a que a noite da historia nos tivo encadeados. Como berros de afirmación ou como liras, érguense así os piñeirais de Ponteceso, en nome e representación de Galicia, para pregoaren ó vento a redención e liberdade da nación de Breogán.

Galicia tivo a sorte de saber escoller para a letra do seu himno un excelso poema que acerta en transmitirnos como poucos a memoria da historia, da nosa propia historia. Pero o himno galego é un acerto pleno así mesmo na música, nesta ocasión debida a Pascual Veiga.

De feito, un poema xa é por si unha música. Se recitamos en voz alta os versos de Eduardo Pondal, iremos notando que, á par do que eles din, son un enxame de sonoridades e acentos musicais: as sílabas fortes repártense coas débiles dun modo regular, rítmico e armónico. Reparade en Galicia…

Como poucas outras terras, Galicia está envolveita na musicalidade, no ritmo e na armonía. Nela están case sempre ben marcadas as estacións do ano, como se fosen andaduras musicais diferenciadas nos seus catro tempos: verde, amarelo, acastañado e branco. As nevadas invernizas que observamos nas serras son como un caldeirón ou pausa musical no trafego das aldeas e das vilas. O zunido dos piñeirais, das carballeiras e soutos, das bidueiras, freixos e capudres é un ostinato suave e permanente nas terras do país. A eixada que ata hai pouco manexaban os labregos cavando o monte para colleren pan viría sendo o golpe seco e rústico dun bombo. Os nosos zoqueiros pandeiretearon na madeira galega do ameneiro ou do bido coa gracia e coa beleza dun ballet de chinelas de petar lizgairo, como para seren movidas no escenario. E os pratillazos da música galega ben poiden escoitarse nos peiraos, nas rochas e nos cons, onde a escumante auga se desfai cos seus sons apagados e perdidos…

Cada mañá ó mencer, Galicia abrolla en música. Por iso un home dos privilexiados, dos bos e xenerosos, compuxo a súa Alborada. Pero non lle abondaba a Pascual Veiga esta expresión. Non quería captar só a musicalidade da amencida. No seu atento paso pola historia, quixo deixarnos un compendio de Galicia feita son, sensibilidade e fermosura, intelixencia e pobo. E compuxo para o poema de Pondal “Os Pinos” unha partitura con notas manseliñas de ríos e regueiros, de lagos e lagoas, e notas máis barís dunha auga brava que non é menos nosa: dos turbións e das fervenzas, dos pinchos e tronadas, do mar fero e pestifle. Colleu sons suaviños, casemente inaudibles, do ballón, da néboa e da orballada. O vento que meteu no fol das gaitas ora se asemella ó noso bris dos montes e das rías, ora ó xistral que fura fino e engorde polas chairas. Fixo dos palitroques do tambor estoupar de muxicas nas lareiras e nas tólas. As xostradas do sol no lombo de mariñeiros e labregos son os pandeiros doentes marcando a música do traballo da xente.

Todo debía estar e está representado na música do himno, de maneira que instrumentos moi diversos, conxuntados, poidan executalo. E a colectividade dos galegos, e os coros que o cantan, son por iso mesmo tamén pluralidade. As voces xúntase cada dúas ou catro, entre altas e baixas, ben combinadas nun xuntoiro de instrumentos e individuos, é dicir, de galegos, que pretenden reconstruír ó unísono a fermosa unidade de Galicia.

Mesmo estando representada Galicia por calquera dos tres símbolos que vimos presentando, é seguramente o himno (pola significación do seu poema e pola riqueza e variedade musical) o máis solemne e excelso deles e o que máis reclama a unidade dos galegos na fidelidade ó seu país e mais na fe en si mesmos. Por iso soe cantarse levantados; por iso coroa os actos significativos, e por iso é capaz de conxuntar a tantos corazóns.