Skip to main content

Nós reivindícase como a única candidatura 100% galega, herdeira do nacionalismo

NÓS-Candidatura Galega puxo en valor a súa condición de ser a única candidatura netamente de país, “100% galega”, se límites á hora de defender Galiza porque non estará condicionada polas estratexias que marquen as forzas estatais. Preséntase tamén como “herdeira” do nacionalismo de esquerdas que leva vinte anos sendo a voz do país en Madrid.

“Existe o viño do país, hai o queixo do país, hai os kiwis do país...,e tamén agora hai a candidatura do país”, explicaba graficamente o cabeza de lista por Coruña, Carlos Callón, no acto de presentación ante o simbólico Museo do Pobo Galego. “Desde o seu propio nome, a candidatura 100% galega, que non se pon límites para defener Galiza e a súa maioría social”, proclama.

“Imos representar Galiza sen ningún límite, porque ningún grupo parlamentario estatal nos vai dicir que non podemos defender o noso naval, as nosas autoestradas, que non podamos defender algo tan básico como que os galegos e as galegas teñamos o mesmo horario e o mesmo salario, en lugar de estar á cabeza en horas traballadas e a cola en salario recibido”, reclamou Callón.

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, salientou a vocación de “sumar” de NÓS “para rachar coa resignación, porque queremos un país orgulloso de si mesmo”, e puxo en valor a integración de xente moza e de persoas con experiencia na mesma candidatura formada por distintas forzas políticas e por persoas sen adscrición partidaria.

Adán reivindicou as capacidades dos sectores produtivos do país para tirar da economía e xerar emprego, se contan coas políticas acaídas como as que defenderán no Congreso seguindo o traballo feito polo BNG. “Como dicía o Castelao deputado: como nacionalistas temos máis responsabilidade porque seremos os e as únicas elixidas por Galiza que representaremos os interes do país e non os intereses dun partido”, salientaba.
Olalla Rodil, que lidera a candidatura por Lugo, falou dos problemas propios das provincias do interior lastradas polo declive demográfico e asegurou que, como moza, quere que a xuventude galega teñan máis futuro “que o de coller as maletas e marchar”. “Temos dereito a vivir e traballar aquí, e por iso traballarei no Congreso desde NÓS-Candidatura Galega”, enfatizou.

Mocidade sen emprego

Igualmente, Noa Presas, cabeza de candidatura por Ourense, reivindicou o seu papel como muller moza nunha provincia que esmorece. “Somos a xeración máis indefensa en termos de emprego e precariedade, realidade que non pode ser maquillada nin coa propaganda oficial, cun 50% da xente mozo sen traballo”, ademais dos miles de emigrados. “Non hai mocidade con emprego digno neste país”, denunciou.

Reivindicou o papel da xente nova na política “porque é posible mudar as cousas cando o intentamos colectivamente como pretendemos facer desde NÓS-Candidatura Galega”, a única “que acredita neste país”.

Para simbolizar esa continuidade do “legado” de vinte anos de traballo do Bloque en Madrid, a ata agora deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila, abriu o acto de presentación da candidatura facendo repaso dos principais logros na visibilidade de Galiza no Congreso, “man a man coa cidadanía”.

“É vital que esta candidatura de unidade sume o máximo de apoios o 20D para reforzar o peso político que o nacionalismo lle da a este país nas cortes do Estado”, proclamou Fernández.

No acto estiveron presentes unha nutrida representación dos candidatos e candidatas de NÓS, como Xosé Luís García, Mini, Miguel Anxo Fernández Lores, Isabel Risco, Tereixa Novo, Suso de Toro, entre outros, ademais de contar co apoio do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e de responsables políticas das outras formacións integradas na candidatura.
Nós Candidatura Galega