Skip to main content

Industria e distribución amosan a súa intención de sumarse ao Plan estratéxico de fortalecemento do sector lácteo

Representantes da Industria e da Distribución amosaron a súa intención de sumarse ao Plan estratéxico de fortalecemento do sector lácteo, tras a reunión que mantiveron coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Ángeles Vázquez segue reuníndose con todas as partes da cadea co fin de sumar esforzos e buscar solucións efectivas á situación que padece este sector. Neste senso, durante o día de hoxe mantivo sendas xuntanzas co fin de animalos a seguir traballando unidos a prol deste eido produtivo.

A conselleira trasladoulles que este plan estratéxico -impulsado pola Xunta- pretende converterse nun foro de participación e consenso que sirva para facer unha análise do sector. As partes representadas nestas xuntanzas aseguraron que a súa intención é traballar conxuntamente, polo que están dispostos a participar neste Plan e, ademais, sinalaron que ven axeitado o Real Decreto sobre declaracións obrigatorias para os fabricantes de leite.

Maior transparencia

A titular de Medio Rural manifestoulles que este Real Decreto foi demandado polo Goberno galego a petición do propio sector e que servirá para dotar de maior transparencia á cadea de valor do leite, xa que fará público os datos sobre prezos de compra-venda do leite. Neste senso, Ángeles Vázquez insistiu en que o seu departamento estará vixiante para que todos e cada unha das partes cumpra co seu compromiso, xa que iso redundará en beneficio para todos os axentes da cadea, especialmente para os gandeiros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia