Skip to main content

O Servizo de Gardacostas incauta 981 nasas e máis de 6.000 metros de miños nas rías galegas

O Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos levou a cabo numerosas actuacións ó longo de toda a costa galega esta fin de semana.
As operacións de inspección e vixianza dos axentes deron como resultado a incautación de 981 nasas e 6.050 metros de miños, ademais do comiso dunha importante cantidade de especies.
Un dos operativos máis salientables desenrolouse en Corrubedo.
Membros da Unidade Operativa de Portosín, a bordo da embarcación IP 117 Faladoira, incautaron 70 pezas de miños (3.500 metros de aparello) que estaban calados sen identificar e balizar e incumprindo o descanso semanal obrigatorio. Froito desta actuación comisáronse 50 quilos de raia, 32 de rodaballo e 35 de centola, sendo 30 destes últimos de tamaño antirregulamentario.

250 quilos de carioca comisados no porto de A Coruña.

Por outra banda, un grupo de axentes da Unidade Operativa de A Coruña comisaron no porto da cidade herculina 250 quilos de carioca dun tamaño medio de 17 centímetros que se atopaban no interior dun vehículo. As especies estaban sendo descargadas dun arrastreiro atracado na dársena de Oza. A lexislación estipula en 27 centímetros a talla mínima legal para esta especie, polo que o material foi comisado polos gardacostas e
entregado a un centro benéfico da cidade. O vehículo incautado quedou a disposición da Delegación Territorial da Consellería de Pesca.

Intervencións en Fisterra e na Ría de Arousa

Durante toda a fin de semana o Servizo de Gardacostas levou a cabo un intenso operativo de vixianza pesqueira na área de Fisterra. O sábado, os axentes que viaxaban na Paio Gómez Chariño, incautaron nesta zona 274 nasas de nécora, 140 de polbo, 1 palangrillo e 550 metros de miños. Os aparellos estaban calados de xeito irregular e contiñan no seu interior 49 quilos de nécora, 24 de polbo e outros lotes de centola, peixe e choco, todos eles devoltos ó mar no lugar dos feitos. Así mesmo, o persoal da Unidade Operativa de Muxía incautou tamén en Fisterra 57 nasas de lagosta con varios quilos de polbo, nécora e centola.

Na xornada do domingo, a Paio Gómez Chariño rastrexou a zona de O Castaño, ó sur de Fisterra, onde os gardacostas incautaron 40 nasas fanequeiras ó estaren caladas con boias carentes de identificación. Nesta intervención comisáronse 92 quilos de faneca, 28 de cabra, 15 de polbo e 18 de boi.

Os axentes desenrolaron outros operativos en varias zonas da Ría de Arousa. O sábado, o persoal da Consellería incautouse dun total de 408 nasas de polbo, que ademais de incumprir o descanso semanal estaban caladas de xeito irregular. Estas intervencións tiveron lugar concretamente ó sur de O Grove, na zona de Castiñeiras e na zona dos
Esqueiros As especies que contiñan os aparellos foron comisadas e devoltas ó mar. Ó día seguinte, tamén na zona de Castiñeiras, axentes da Unidade de Ribeira fixéronse con 40 pezas de miños (2000 metros de aparello), 60 nasas de nécora e 80 cacharros de polbo. Nos aparellos atopouse polbo, nécora e centola de talla antirregulamentaria.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia