Skip to main content

A Xunta conxela as tarifas das peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57 en 2016

A Xunta conxela as tarifas das peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) e redúceas ata un 3% nalgúns treitos no vindeiro ano.

As peaxes das autoestradas autonómicas non subirán por terceiro ano consecutivo, o que garante que a AG-55 e a AG-57 seguirán estando entre as autoestradas de peaxe máis baratas de España para os usuarios, con contías significativamente menores que as medias.

Os itinerarios existentes actualmente na AG-55 son: A Coruña-Arteixo, Arteixo-Paiosaco, Arteixo-Laracha, Arteixo-Carballo, Paiosaco-Laracha, Paiosaco-Carballo, Laracha-Carballo; e na AG-57: Puxeiros-Vincios, Puxeiros-Gondomar, Puxeiros-Nigrán, Puxeiros-A Ramallosa, Puxeiros-Baiona, Vincios-Gondomar, Vincios-Nigrán, Vincios-A Ramallosa, Vincios-Baiona, Nigrán-A Ramallosa, Nigrán-Baiona e A Ramallosa-Baiona.

Nos seguintes cadros amósase a comparativa dos importes das peaxes nestas vías nos anos 2015 e 2016, observando que o vindeiro exercicio non só non se incrementan, senón que nalgúns treitos redúcense.

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta autorizou recentemente a sinatura do acordo convenio de colaboración entre o Goberno galego e Autoestradas de Galicia S.A para renovar as subvencións das peaxes aos usuarios das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) ata o ano 2019.

O Consello da Xunta habilitara xa na xuntanza do día 12 de novembro un crédito de 2,3 millóns de euros a dar continuidade ás subvencións introducidas pola Administración galega en 2010 para os usuarios das autoestradas de titularidade autonómica.

Estas axudas posibilitan rebaixar para os días hábiles un 25% o importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta; e o 50% no segundo e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas, cando o usuario empregue o dispositivo de telepeaxe. O importe desas bonificacións descóntaselle ao usuario e asúmeo a Xunta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia