Skip to main content

Manuel Fraga salienta a contribución de Xosé Luis Foxo á cultura da gaita

O presidente da Xunta recibiu, no seu despacho de San Caetano, a Xosé Luís Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense, quen lle presentou a Manuel Fraga a sexta edición do libro Os segredos da gaita. Trátase dunha edición corrixida e aumentada, e “un dos intentos máis serios de ensinar a gaita cientificamente”, segundo Foxo. Manuel Fraga, doulle a noraboa ao autor da obra, salientando ademais a contribución que ten realizado “á cultura da gaita”.

O titular do Goberno galego, que se confesou “entusiasta da gaita”, a pesar de ter estudiado violín, sinalou que botarlle unha ollada ao libro sirve para “ter unha idea do que é a cultura da gaita”. De igual xeito, Manuel Fraga valorou o feito de que esta obra tamén conteña “o testamento musical do maior dos irmáns e mestre de todos eles”, o último dos gaiteiros de Fornelos de Montes, ao que tivo a oportunidade de coñecer en Caracas.

Pola súa banda, o director da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense sinalou que empezou escribindo Os segredos da gaita en 1982, en Barcelona, e que, despois de case vinte anos de traballo “foi un libro que se utilizou en todas as escolas de gaitas de Galicia” e que mesmo foi traducido ao inglés e ao alemán. Xosé Luís Foxo salientou a importancia desta obra porque, a través dela, dixo, “estamos difundindo a cultura do país”.

Os segredos da gaita é un estudo histórico do instrumento desde o século XIII ata a actualidade, onde Xosé Luís Foxo recolle as melodías “máis significativas clásicas desde o século XIV ata hoxe”. “Recollo –tamén- a historia dos gaiteiros, a didáctica que nós experimentamos na escola de gaitas da Deputación de Ourense ao longo de 20 anos”, de maneira, subliñou, “que creo que é un bo servizo para Galicia e para os rapaces que estudan a gaita”. Neste sentido, Foxo lembrou que este é o instrumento que máis se está a estudar en Galicia.

O presidente da Xunta tamén subliñou que, foi precisamente el quen lle propuxo ás Súas Maxestades o que se lle outorgase o título de “Real Banda” á da Deputación de Ourense, sinalando que “llo deron, de plano, despois de escoitar un concerto en San Martiño Pinario”. Así mesmo, Manuel Fraga desbotou o mito de que a gaita sexa un instrumento céltico pois, segundo el, “hainas no mundo enteiro” e incluso, dixo, en Libia é instrumento nacional.

OUTROS ASUNTOS

Durante a xuntanza, o titular do Goberno galego e o director da Real Banda de Gaitas tamén tiveron a oportunidade de falar da posible creación, en Santiago, dun Museo da Gaita, que, segundo sinalou Fraga, “ben puidera estar conectado con algún dos edificios que estamos preparando na cidade da Cultura”.

Así mesmo na reunión tamén se abordaron asuntos relacionados co Courel, como a recente restauración da igrexa de Meiraos –en cuxo retablo tamén hai figuras de gaiteiros- e dunha ferrería, “do vello estilo, anterior á invención dos altos fornos”, que, segundo Fraga, “empezamos a restaurar pero non houbo maneira de chegar a un acordo definitivo”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia